Compañeiras e compañeiros:
O profesorado interino está agora ante un momento
moi importante e decisivo para o seu futuro. O proceso de tramitación
da LOE no Congreso, que se pechará posiblemente en decembro,
é o momento de reivindicar un novo modelo de acceso á
función pública que se inclúa na Lei. Desde o STEG
e a Confederación de STEs-intersindical, presentamos ante o Ministerio
de Educación, ante o Consello Escolar do Estado, aos Grupos Parlamentarios,
e en cantos foros puidemos, as nosas reivindicacións:
- Esiximos que se arbitre un sistema de acceso ordinario á
función pública docente que contemple o acceso diferenciado,
isto é, unhas prazas ofertaríanse para persoal interino,
e as outras, para opositores libres. No STEG e na Confederación
de STEs-i temos os nosos propios estudos xurídicos que avalan
estas propostas. O acceso diferenciado é unha reivindicación
histórica dos STEs e doutros sindicatos. Sería a única
forma de solucionar unha situación de precariedade que afecta
hoxe a unhas 80000 familias.
- Se isto non fose asi, a alternativa sería un proceso extraordinario
para solucionar a situación actual de perto de 80.000 docentes
interinos. Segundo sentenzas do Tribunal Constitucional, é
posible convocar procesos extraordinarios cando a situación
sexa excepcional e, neste momento, a situación en Educación
o é pola excesiva porcentaxe de profesorado interino e polo
cambio lexislativo que supuxo a LOCE e que supoñerá
a LOE.
O momento é decisivo e, por iso, houbo movementos
entre diferentes colectivos de profesorado interino e varios sindicatos.
Os STEs mantivemos xuntanzas en Madrid con FETE-UGT, CSIF, CGT, CIG
e varios colectivos de profesorado interino (SADI, PIDE, INSUCAN, Asociación
de PNNs, etc.), e chegouse ao acordo de redactar un comunicado conxunto
a favor do acceso diferenciado. Desta xeito, quedarían á
marxe desta proposta CC.OO. e ANPE, que só queren modificar o
sistema de acceso que está en vigor. Vista a cerrazón
do MEC, decidiuse convocar mobilizacións para os meses de outubro
e novembro, pero FETE-UGT e CSIF, que están mais preocupados
en negociar "o seu " Estatuto docente xunto con CC.OO (que
non comparte o sistema de acceso diferenciado), non se sumaron ás
mobilizacións (aínda que FETE convocou folga en Galicia).
O pasado 14 de outubro, o MEC envia ás Organizacións sindicais
unha proposta de Acordo sobre condicións sociolaborais do profesorado
no marco da tramitación e desenvolvemento da LOE, nesta proposta
recollíanse dous puntos que afectaban ao profesorado interino:
- Incorporación ao proxecto de LOE dunha mención
expresa ao fomento de medidas que reduzan a porcentaxe de profesorado
interino e que no prazo de 4 anos se reduza desde o 20% actual ata
o 8%. Para iso, as Administracións educativas deben convocar
amplias Ofertas Públicas de Emprego.
- Arbitrarase un novo Real Decreto que desenvolva a LOE
no acceso á función pública mediante concurso-oposición.
Na fase de concurso valoraranse a formación académica
e a experiencia docente ata o máximo que permite a Lei. A
fase de oposición terá unha soa proba e versará
sobre os contidos da especialidade. Crearase a especialidade de
Primaria.
Convocouse Mesa Sectorial para o día 19 de outubro, en principio
para discutir o texto, pero semellaba que había moita présa
e pechouse no mesmo día. Os STEs plantexamos que o sistema
de acceso acordado é exactamente igual que o que actualmente
está en vigor, que a única novidade é a redución
da oposición a unha soa proba eliminatoria e que, evidentemente,
esta proposta non supón unha aposta decisiva por solucionar
o problema laboral do colectivo. Na Mesa houbo intervencións
doutras organizacións na mesma liña que a nosa, pero
finalmente aceptaron e asinaron. Os STEs non asinamos o Acordo co
MEC, entre outras razóns, porque non dan unha solución
ao profesorado interino.
O texto presentado polo MEC incluía unha proposta
que misteriosamente desapareceu do texto final do Acordo tras varios
recesos nos que os representantes de UGT e CSIF tentaron xustificar
o inxustificable: o abandono dunha reivindicación histórica
como a dunha vía específica de acceso á función
pública para o colectivo. Os compromisos destas organizacións
coa exixencia de CCOO - que se escuda en argucias legais para impedir
unha saída á situación do profesorado interino-
fixeron o resto. Por un prato de lentellas (un complemento de 60 euros
que ademais non cobrará todo o profesorado e pouco máis)
decidiron abandoar á súa sorte a 80.000 familias, sen
esgotar o trámite parlamentario (o prazo de presentación
das emendas á LOE concluía o 25 de outubro) e tentando
cercenar as iniciativas parlamentarias (mesmo dentro do Grupo Socialista)
que coñecían perfectamente.
Portanto, que valoración temos que facer? Compañeiras
e compañeiros, venderon ao profesorado interino. En catro anos
reducirase a porcentaxe de interinidade desde o 20% ata o 8% (de 80.000
actuais queren pasar a 32.000), pero non pensan arbitrar medidas con
un sistema que favoreza e permita a entrada a un colectivo que leva
moitos anos en espera de solucións, traballando en precario.
A redución da porcentaxe de persoal interino farase convocando
oposicións que como sabemos, dependen de cada CCAA. O MEC tiña
a oportunidade histórica de tomar unha medida de carácter
estatal que estaba nas súas mans. Sabemos por experiencia que
a convocatoria de oposicións pode acabar deixando na rúa
a miles de persoas con anos de servizo. Cando se fala de reducir a taxa
de interinidade ao 8% o que se trata é de números e non
de persoas. Isto é ainda mais indignante se vemos as propostas
sobre o mercado laboral (onde o goberno prefire facer fixos a traballadores/as
con dous anos de antigüidade como eventuais) ou se observamos o
tratamento que poden acabar recebendo os catequistas católicos
que imparten clases en centros públicos: deses si se ocupan todos
os sindicatos asinantes, para eles si que propoñen solucións
para acabar coa sua "precariedade".
Só nos queda a mobilización. Este é o momento de
continuar con máis firmeza que nunca. O STEG e a Confederación
de STEs-intersindical seguirá defendendo os direitos históricos
deste colectivo para acabar coa precariedade e cunha situación
que deberia avergoñar a quen di defender aos traballadores e
traballadoras.
Secratariado Nacional do STEG |