Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

O MEC quere impoñer un estatuto do profesorado inquietante, regresivo e xerarquizador

Na Mesa Sectorial de Educación celebrada o 30 de maio, o Subsecretario do MEC suscita unha falsa negociación do Estatuto Básico do Profesorado: pretendía que antes do 15 de xuño a representación do profesorado aprobase un Estatuto que vai cambiar por completo a normativa que regula as condicións de traballo e as retribucións do profesorado dos centros públicos de educación básica e secundaria.

O Ministerio de Educación, que non cumpriu o seu compromiso de entregar o texto articulado do proxecto de Estatuto o pasado mes de marzo, pretendía pechar a negociación sen dar tempo a que o conxunto do profesorado coñeza a proposta do MEC e poida valoralo, dar a súa opinión e realizar propostas alternativas a través dos seus sindicatos. O proxecto, segundo afirma o MEC, é froito das negociacións coas organizacións asinantes do acordo (vergoñento) de 20 de outubro -CCOO, CSI-CSIF, FETE-UGT e ANPE.

O STEG, a través da Confederación de STES-intersindical da que forma parte, rexeitou na Mesa Sectorial clara e rotundamente o procedemento proposto polo Subsecretario, esixindo tempo para a negociación, tempo para que o profesorado coñeza e opine sobre esta proposta. Suscitamos a necesidade de que o proxecto de Estatuto trabállese nunha Mesa Técnica antes da súa valoración na Mesa Sectorial e que a negociación se prolongue e chegue aos primeiros meses do próximo curso 2006-2007, pois os cambios que suscita o MEC son demasiado importantes como para que o goberno pretenda impoñelos nunha falsa negociación, impropia do talante do que fai gala o goberno.

Esta presión do STEG e da confederación propiciou que as demais organizacións sindicais considerasen necesario un aprazamento para poder facer un estudio en profundidade tal e como demandaba o STEG. Só así poderá ser coñecido polo conxunto do profesorado e así poderá opinar sobre un Estatuto que afectará ás condición das traballadoras e traballadores do ensino galego.
Entre os aspectos que no STEG consideramos máis prexudiciais para o profesorado queremos destacar os que seguen:

  • É inquietante e xerarquizador ao supor a creación dunha mal chamada carreira profesional do profesorado que se vincula a criterios arbitrarios, non obxectivos, e dependerán dos superiores xerárquicos correspondentes. O MEC pretende que o principio de arbitrariedade presida a nova forma de promoción do profesorado, poñendo ao conxunto do profesorado baixo sospeita de non traballar ou de realizar mal o seu traballo. Preténdese aplicar ao profesorado un sistema xerarquizador formado por oito grados, con consecuencias retributivas e para os concursos de traslados, que dependerán en boa medida de criterios subxectivos, sen ter en conta que a educación é e debe ser un traballo en equipo; é inquietante e regresivo que se trate de fomentar a competitividade entre o profesorado.
  • É inquietante e regresivo o concepto de avaliación voluntaria que quere impoñer o MEC. Unha gran parte dos cambios que introduce este Estatuto baséanse neste tipo de avaliación, o profesorado que queira someterse á mesma, e supérea, verá recoñecidos unha serie de méritos con repercusión na promoción interna, o concurso de traslados e as retribucións.
  • É regresivo o papel que se pretende asignar ás direccións dos centros e a inspección educativa, que pasarán a ser determinantes na avaliación do profesorado, polo que o risco de submisión e servilismo son evidentes. ¿Quen se atreverá a cuestionar a persoas que logo han de avaliarte? ¿Cantas evitarán actitudes críticas, pola mesma razón?
  • É regresivo que non se asegure a mobilidade do profesorado vía concurso anual de traslados. É inquietante que se pretenda deixar en mans da Administración a redistribución e recolocación de efectivos ao subordinalos ás necesidades da mesma: é dicir, que a obtención de destino definitivo nun posto de traballo non supón ningunha garantía de estabilidade senón que se faculta á administración educativa para trasladar con carácter forzoso ao profesorado. É regresivo que desapareza o concepto de persoal orgánico dos centros.
  • É regresivo que se pretendan fixar as retribucións complementarias desde o goberno central, cando a xestión do profesorado corresponde ás comunidades autónomas, o que supuxo levar a negociación desas retribucións a cada Consellería de Educación; negociación que se demostrou efectivo, pois este tipo de retribucións aumentaron coa negociación descentralizada. Agora queren acabar con esta posibilidade de avance invadindo competencias das comunidades autónomas.
  • É inquietante e regresivo que se pretenda limitar a liberdade de cátedra do profesorado co proxecto educativo dos centros.
  • É regresivo que o proxecto non recolla dereitos do profesorado que xa teñen nalgunhas comunidades, como a inexistencia dos chamados sexenios e o cobro do total dos mesmos desde o inicio da vida profesional, a posibilidade do chamado “ano sabático” ou o pago da antigüidade ao profesorado interino.
  • O proxecto de Estatuto non avanza na asignación do grado equivalente a Licenciatura para os estudos de Maxisterio, polo que non o asigna dentro do Grupo A ao corpo de mestres, incumprindo unha promesa electoral do PSOE.
  • Por outra banda, contén elementos que van claramente contra a creación de emprego, como o mantemento da posibilidade de xubilación aos 70 anos; tampouco se contempla a prórroga da xubilación voluntaria con carácter indefinido para o profesorado que teña 60 anos ou 30 de servizos nin a redución para maiores de 55 anos (quen queira esa redución verá diminuído o seu soldo).
  • O tratamento que se dá ao profesorado interino é regresivo especialmente se o comparamos con algúns aspectos alcanzados en Comunidades Autónomas. O sistema de acceso previsto continuará deixando na precariedad ou no paro a miles de docentes que desempeñaron o seu traballo para a administración.
  • É inquietante que a saúde laboral do profesorado pareza importar pouco ao MEC, dado que neste apartado non se reflicte nada sobre as enfermidades profesionais do profesorado e a necesidade de recoñecelas e catalogalas.

Para o STEG é, en definitiva, un mal proxecto de Estatuto que non recolle reivindicacións históricas do profesorado e non ten en conta a realidade do noso país querendo impoñer un modelo uniformador e centralista.


Desde o STEG levaremos esta información aos docentes para que poidan informarse e formarse unha opinión sobre o mesmo e esixiremos ao MEC que se respecten os dereitos adquiridos de quen desempeñan en condicións cada vez máis difíciles a tarefa de ensinar. Ademais esixiremos do Goberno Galego unha clara implicación neste proxecto que afecta a máis de 30000 traballadoras e traballadores galegos.

Borrador do estatuto do funcionario docente (pdf 416kb)

Secratariado Nacional do STEG
setembro 2006