|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
Profesorado interino: Estabilidade e acceso
Negociación
da estabilidade Este ano, aínda que seguimos denunciando esas irregularidades na xestión das listas como sempre fixo o STEG, a verdade é que a realidade pinta doutra cor, unha cor máis optimista. Temos diante de nós a posibilidade de negociar un Pacto de Estabilidade, pacto que, como sabedes, temos presentado coa Plataforma do Profesorado Interino dende febreiro de 2003. Esta negociación foinos roubada nestes anos. E non o dicimos de balde, dicímolo con datos. Nunca se levou á Mesa Sectorial a nosa proposta, incumprindo os acordos da propia Mesa, na que todo o que chegara presentado cunha porcentaxe de polo menos o 30% da representación sindical, tiña que ser negociado. Pois ben, os asinantes do acordo, entre os que figuramos a Asociación de PNNs e tres sindicatos con representación en Galicia: CIG, STEG e UXT, non só representamos ese 30%, senón que somos a maioría sindical na nosa comunidade. A pesar disto, nunca se negociou. O porque temos que preguntarllo á anterior Consellaría e aos outros tres sindicatos (CCOO, ANPE e CSI-CSIF) que nunca quixeron entrar no acordo, aínda ofrecéndolles todas as posibilidades para que o fixeran, entre elas a negociación dun novo acordo. Este novo pacto podédelo consultar na web do STEG, , así como as novidades que vaian xurdindo na negociación. Temos neste momento solicitada unha entrevista coa nova Consellaría de Educación para comezar cos trámites da negociación e ir sentando as bases dese futuro Pacto de Estabilidade que desta vez pode facerse realidade. O
acceso: a outra cara da moeda Na actualidade o colectivo de Profesorado Interino no Estado supera as 80.000 persoas. Razón máis que suficiente para que todo o mundo se poña a traballar na solución deste grave problema. A ninguén se lle escapa o tempo que o STEG leva presentando propostas de solución. Neste momento está a correr o rumor de que se pode levar a cabo unha transitoria ao estilo das da LOXSE coa que estarían de acordo varios dos sindicatos do sector. Queremos deixar ben claro que ao STEG e á Confederación de STES-i, tamén lle valería a transitoria, agora ben, sempre e cando vaia acompañada dunha posterior medida ordinaria en forma de acceso diferenciado que dea solución definitiva ao problema. Doutro xeito, isto sería pan para hoxe e fame para mañá. Explicámonos: o problema do colectivo precisa dun cambio estrutural, polo tanto de medidas ordinarias. E o que se está a negociar é unha solución conxuntural, polo tanto extraordinaria, que soluciona o problema a unha parte das persoas que hoxe forman parte do colectivo, pero que dentro de 10 anos a situación volverá a ser a mesma. Serva como exemplo o que está sucedendo despois de 10 anos das transitorias LOXSE. Temos que ser conscientes de que, neste momento no que se vai a tramitar LOE no Parlamento do Estado, é a única posibilidade que queda para cambiar a Disposición Adicional Duodécima que regula o acceso. A situación non é fácil, o PSOE incluso está convencendo ao PP para que entre no pacto, o que quere dicir que a LOE pode ter moitos anos de vida e a posibilidade de modificar o acceso, se non se fai agora, quedaría pechada por moitos anos. Polo tanto, insistimos: É MOITO O QUE SE ESTÁ A XOGAR. E precísase dunha resposta contundente do colectivo se ao final só se quere aprobar a transitoria. Hai que ter presente, que se isto se confirma, tan só unha saída á rúa combinada con xornadas de folga, salvarían a moita xente de rematar engordando as listas do paro. O STEG e a Confederación de STEs-i, témolo previsto e para elo temos convocadas as seguintes xornadas de folga se non se dá unha solución definitiva ao problema. As datas son as seguintes: 19 e 26 de outubro; 10, 16, 17, 23 e 30 de novembro onde se remataría cunha gran manifestación en Madrid. POR DURO QUE PAREZA, Secratariado Nacional do STEG |