O
trámite parlamentario de aprobación do Proxecto LOE para se converter
en Lei, supón un momento clave para loitar e conseguir o "acceso diferenciado"
para o profesorado interino. Para conseguilo necesitamos da unidade do colectivo
de todo o Estado, da unidade das organizacións sindicais e da mobilización
;
fai falta que nos movamos para presionar ao goberno central e aos partidos que
o sustentan no Parlamento, e facerlles ver o dereito que temos a permanecer con
carácter definitivo e como funcionarios no ensino público, tal e
como esiximos na folga e manifestación que realizamos perante o MEC o pasado
8 de xuño. Esta permanencia, á marxe dos pactos de estabilidade
que podan conseguirse coas distintas administracións autonómicas,
pasa por modificar a actual normativa de acceso. O colectivo de interinos e
interinas do STEG, así como da Confederación de STEs-Intersindical
en todo o Estado, temos unha proposta moi clara e moi concreta de acceso diferenciado
que queremos que se inclúa no texto da futura LOE e dentro do apartado
referido ao acceso á función pública docente; e que di:
"Acceso diferenciado para o profesorado interino. As administracións
educativas realizarán, xunto á convocatoria de concurso-oposición
descrita no punto anterior, unha convocatoria de acceso diferenciado para o profesorado
interino con máis de tres anos de servizos ás administracións
educativas. Nesta convocatoria a proba non terá carácter eliminatorio.". Agora,
cando acaba de se iniciar o curso, o STEG iniciou contactos co MEC e os grupos
parlamentarios do Congreso para conseguir a inclusión desta forma de acceso
na nova Lei, e como nas negociacións desenvolvidas co goberno nos meses
de debate sobre o Anteproxecto de LOE non se aprecia vontade pola súa parte
-coa complicidade de algúns sindicatos- para aceitar esta forma de acceso,
estamos a iniciar tamén os contactos con todas as organizacións
que defenden o acceso diferenciado para organizar unha mobilidade unitaria, sostida
e contundente para facer ver ao goberno e ao Congreso dos Deputados a xustiza
da nosa reivindicación. 7 setembro 2005 Secratariado
Nacional do STEG |