|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
28
de abril, Día Mundial da Seguridade e da Saúde Laboral
Na celebración do día Mundial da Seguridade
e Saúde Laboral, o STEG quere de novo facer fincapé na
inadmisibilidade das cifras de sinistralidade laboral que ano a ano
se nos poñen diante. Os máis de dous millóns de
traballadoras e traballadores que morren cada ano no mundo por causa
dos accidentes laborais é unha cifra insoportábel. É
o prezo que está a pagar a sociedade e quen nela estamos polo
simple feito de tentar facela mellor traballando. O noso país
case dobra a cifra de accidentes laborais respecto aos países
do seu contorno na Comunidade Europea, de xeito que case un 8% das traballadoras
e traballadores sufrirá un accidente en España, fronte
ao 4% da Europa máis desenvolvida. Segundo as estatísticas
do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, entre 2004 e 2005 os accidentes
laborais con baixa aumentaron un 3,12% e os mortais un 1,13%. Ademais,
no mesmo período produciuse un incremento na declaración
de enfermidades profesionais de ata un 8,48%. E estes son datos recoñecidos,
porque non falamos dos efectos sobre o benestar e a saúde dos
traballadores e traballadoras da sinistralidade silenciosa, os riscos
psicosociais ou os efectos da violencia no traballo, incluída
a violencia institucional. En calquera caso as cifras son tercas, máis
cando sabemos que é a xente nova a que máis risco ten
de sufrir un accidente laboral e a máis vella a máis exposta
aos accidentes mortais. Porén, o factor máis determinante
para a sinistralidade é, sen dúbida, a temporalidade no
emprego, e sabemos que un número importante dos novos contratos
seguen sendo temporais. Desde o STEG e a Confederación de STEs-Intersindical
pensamos que concienciarnos para o logro destes obxectivos esixe considerar
a prevención como vital para o desenvolvemento do traballo diario.
En fin, “coller o touro polos cornos” e comprometerse a
formular proxectos de choque realistas e eficaces para parar a sangría
de mortos todos os anos e de traballadoras e traballadores que enferman
só por traballar. Que estes proxectos de choque aborden medidas
específicas para os sectores especialmente castigados e para
colectivos de risco engadido: mulleres, inmigrantes, xente nova e discapacitada.
Pensar con criterios preventivos para modificar as actuais relacións
de precariedade laboral e de temporalidade que veñen padecendo
millóns de traballadores e traballadoras e que oficialmente se
agochan como flexibilidade laboral xeradora de “dinamismo económico”.
Será necesario, tamén , cambiar o actual marco de consideración
das enfermidades profesionais e incorporar o concepto de danos á
saúde ocasionados polo traballo, que supere a actual lei da Seguridade
Social. abril 2006 |