EN SOLIDARIEDADE CO POBO DE HONDURAS E O SEU LEXÍTIMO PRESIDENTE
Coñecedores dos tráxicos sucesos protagonizados polas forzas armadas e promovidos por unha parte dos congresistas e da alta maxistratura do Estado, o STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza) quere mostrarlle a nosa solidariedade co Presidente Zelaya e co pobo hondureño e as organizacións sociais que saíron á rúa no seu apoio, unha vez que foi desterrado a Costa Rica polos militares golpitas.
Sabemos que o Presidente Zelaya se caracterizou, nos últimos tempos, por abandonar o ideario neoliberal e por aproximarse ás clases máis desfavorecidas de Honduras; sabemos que o goberno do presidente Zelaya se caracterizou por defender á clase traballadora, aos obreiras e ás obreiras e mais aos labregos e ás labregas, que é un defensor da Alternativa Bolivariana das Américas (ALBA) e que durante o seu mandato se promoveron accións que benefician ao campesiñado e ao proletariado hondureño. Velaí a razón pola que a oligarquía nacional, sometida aos intereses das compañías transnacionais, que os fixo os seus propios, aliada cos sectores máis reaccionarios da sociedade, promoveu o golpe de Estado que se perpetrou o domingo 28 de xuño de 2009 ás 05:00 AM, truncando así as aspiracións democráticas da poboación que se preparaba para realizar unha enquisa popular prevista para ese mesmo día.
Perante ese feito, condenable e repudiable, dende o STEG defendemos:
- O restablecemento da orde constitucional, sen derramamento de sangue;
- A lealdade do Exército cara ao seu xefe supremo, o Presidente Zelaya, e o cesamento da represión exercida sobre o pobo hondureño que esixe o retorno da democracia;
- O respecto da integridade física dos dirixentes sociais e sindicais que loitan polo restablecemento da democracia;
- O retorno do Presidente Zelaya ás súas funcións presidenciais en Honduras;
- As necesarias garantías democráticas para que se celebre a consulta popular.
Dende o STEG estaremos pendentes da sorte dos dirixentes sociais e sindicais, ao igual que do que poida ocorrerlle ao pobo de Honduras, nestes momentos difíciles.
Ademais animamos a outras organizacións sociais e sindicais a que se sumen ao noso rexeitamento deste golpe de Estado.
Polo pobo hondureño! Polo futuro!
Secretariado Nacional do STEG
Galiza, 29 de xuño de 2009