|
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES
DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
COMUNICADO PÚBLICO A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN PRETENDE SUPRIMIR PROFESORADO E DETERIORAR O ENSINO EN GALICIA As organizacións sindicais abaixo asinantes, que representan ao profesorado de ensino non universitario de Galicia e forman parte da Mesa Sectorial, enterados da CIRCULAR DE INSTRUCIÓNS da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de data 14 de maio de 2009 na que “coa finalidade de proceder a determinar o número de unidades e os POSTOS DE TRABALLO DOCENTE dos centros de infantil e primaria” dependentes da Consellería de Educación, queren manifestar e dar a coñecer ao profesorado e á opinión pública o seguinte: 1.- A circular emitida infrinxe gravemente a normativa básica contida no Estatuto Básico do Empregado Público e na Lei de Órganos de Representación por non terse negociado na Mesa Sectorial. 2.- No apartado b) desta circular prescríbese: “Na educación primaria agruparanse nun único grupo os alumnos de distintos cursos do mesmo ciclo sempre que o número de alumnos fose inferior ou igual a 20”. Este xeito de agrupamento do alumnado de distintas idades non se recorda dende tempos pasados, pois a propia Consellería no ano 2002 xa establecía que: “Non se agruparán unidades dun mesmo ciclo de educación primaria sempre que o número de alumnos da unidade resultante sexa SUPERIOR A 16”. É polo tanto un retroceso considerable que terá como consecuencias inmediatas o deterioro da calidade do ensino e a supresión masiva de profesorado. 3.- Sorprende desagradablemente que este equipo da Consellería de Educación inicie a súa actuación con medidas que incumpren claramente o programa electoral do propio partido do goberno que na súa páxina 215 manifesta: “redución do número máximo de alumnos por aula, que deberá ser de 15, especialmente na educación infantil”. Por todo isto, solicitamos e esiximos a negociación dos criterios de agrupamento do alumnado de infantil e primaria, así como a retirada e anulación desta circular. Ademais, anunciamos medidas sindicais de presión adecuadas para a consecución de dita negociación e retirada destas instrucións.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2009.
CIG CCOO UGT ANPE STEG CSI-CSIF |