ADDENDA
ao acordo sobre o acceso á Función Pública (asinado
pola Consellaría de Educación e as organizacións sindicais
ANPE, CCOO, CSI-CSIF e UGT, o 30 de setembro de 2002) O
vinte de xuño de mil novecentos noventa e cinco, a Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais
ANPE, CC.OO, CSI-CSIF e FETE.UGT asinaron un Acordo sobre o acceso á Función
Pública Docente en calidade de profesor interino ou substituto, no que
o profesorado que realizou interinidades e substitucións ten prioridade
para ser novamente nomeado sempre que non renunciase a unha interinidade ou substitución
que se lles tivese ofertado.
Reunida a Comisión de Seguimento, a
instancia das organizacións sindicais asinantes, e resultando necesario
puntualizar algúns apartados en canto ás circunstancias actuais
do profesorado, engádese a seguinte ADDENDA ó Acordo do vinte de
xuño de mil novecentos noventa e cinco:
Apartado primeiro.3.1: O
profesorado que prestou servicios como interino e pase a realizar substitucións,
así como o que unicamente fixo substitucións, poderá optar
por non realizar substitucións, sempre que alegue e xustifique que ten
un contrato de traballo ou presta servicios noutro posto do sector público.
Apartado
primeiro. 3.2: A opción prevista no parágrafo anterior poderá
realizarse por un período máximo de tres cursos académicos
consecutivos e por un período mínimo de un curso académico
ou ata remata-lo curso académico en que se efectúa.
Apartado
primeiro.3.3.- O establecido nos parágrafos anteriores manterase vixente
para aqueles profesores ós que se lles ofertase inicialmente unha substitución,
aínda que posteriormente tivesen posibilidade de acceder a unha interinidade.
Apartado
primeiro.3.4.- Os profesores interinos e substitutos terán dereito a non
aceptar as substitucións ou interinidades que se lles ofrezan, por un período
máximo de tres cursos académicos e por un período mínimo
de un curso académico, por atende-lo coidado dun fillo menor de tres anos,
tanto cando o sexa por natureza como por adopción ou acollemento permanente
ou preadoptivo; do mesmo dereito se disfrutará para atende-lo coidado dun
familiar que teña ó seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade
ou afinidade, e que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non
poida valerse por si mesmo, e non desempeñe actividade retribuída.
Apartado
primeiro. 3.5.- O profesorado ó que fai alusión o apartado primeiro.
3.4 poderá optar, voluntariamente, durante os períodos máximo
e mínimo previstos no mesmo, por realizar substitucións nunha ou
varias zonas educativas. |