Acordo
sobre o acceso á Función Pública en calidade de profesorado
interino ou substituto (asinado pola Consellaría de Educación
e as organizacións sindicais ANPE, CCOO, CSI-CSIF e UGT, o 20 de xullo
de 1995) Primeiro. A orde de acceso a función
pública docente será a seguinte: 1. Profesorado que supere os
procedementos selectivos de ingreso e acceso aos corpos docentes, pola orde obtida
no concurso-oposición. 2. Profesorado interino, pola mesma orde na que
elixiron no curso 1994/1995. Para estes efectos, o profesorado que estivo como
funcionario en prácticas no curso 1993/1994 e que pasou á situación
de interino en execución da sentenza do Tribunal Supremo de 6 de marzo
de 1995, intercalarase na relación de interinos en función da data
de acceso ao primeiro posto de traballo docente. 3. Profesorado que realizou
substitucións pola orde de acceso ás mesmas sempre que non renunciasen
a unha substitución que se lles tivera ofertado. Decaerá dos
seus dereitos e será excluído das listas o profesorado interino
ou substituto que non se presente aos procesos selectivos de acceso e ingreso
aos corpos correspondentes, agás non que non se convoque a especialidade
que está a impartir ou outras causas xustificadas, libremente apreciadas
polas partes asinantes deste acordo. 4. Participantes nos procedementos selectivos
convocados pola consellaría, que non estean incluídos nas listas
dos aspirantes que superaron o procedemento selectivo, sempre que posúan
a titulación correspondente. Este colectivo, ordenarase, a efectos de
prioridade na elección de especialidades e dentro de cada especialidade
por bloques, de acordo co número de exercicios superados; dentro destes
bloques, pola puntuación resultante da fase de concurso oposición
unha vez realizada a ponderación prevista no R.D. 850/1993 de 4 de xuño. Para
cubrir as prazas de Ed. Primaria ou, no seu caso, outras prazas sen perfil, elaborarase
unha lista xeral pola mesma orde establecida no parágrafo anterior. Segundo.
O colectivo citado no paragrafo 4 do apartado primeiro renovarase cada ano que
se celebren oposicións, tendo en conta que o persoal que chegase a prestar
servizos, quedará integrado no apartado 2 ou 3, segundo corresponda.
Terceiro. 1.
Solicitantes de interinidades ou substitucións, pola orde que figuran nas
listas correspondentes, que non chegaron a prestar servizos. 2. Se finalizadas
as relacións das persoas mencionadas nos apartados anteriores, continuase
resultando necesario cubrir necesidades de profesorado, a Consellaría procedería
a abrir un prazo de solicitudes, aplicándose o baremo publicado na Circular
nº 11/1991.
|