| PROFESORADO
INTERINO
Reclamación de trienios con carácter
retroactivo
En xuño de 2008 iniciamos unha campaña pública na que se animaba ao profesorado interino a que reclamase os atrasos por trienios devengados como funcionariado interino (reclamación trienios con carácter retroactivo).
A campaña inicíabase tras a aprobación do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), que abría a posibilidade de que o profesorado interino cobrase os efectos retributivos dos trienios traballados antes da publicación do EBEP.
A reclamación do recoñecemento dos efectos económicos dos trienios fundamentábase, xa que logo, no seguinte:
- Primeiro.— O Acordo Marco de 18 de Marzo de 1999, da CES, a UNICE e o CEEP sobre o traballo de duración determinada que figura como anexo a Directiva 1999/70/CE, que establece un marco xeral para garantir a igualdade de trato ás traballadoras e aos traballadores cun contrato de duración determinada, protexéndoos contra a discriminación.
- Segundo.— O artigo 25.2 da Lei 7/2007 de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, referido ás retribucións do funcionariado interino.
- Terceiro.— A sentencia ditada o 13 de setembro de 2007 polo Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, na que se sinalaba que a non percepción dos efectos económicos derivados do recoñecemento administrativo dos trienios correspondentes aos servizos prestados antes da entrada en vigor do Estatuto Básico do Empregado Público é unha circunstancia claramente discriminatoria que vulnera a regulación comunitaria establecida no Acordo Marco sobre traballo de duración determinada.
Recentemente, o Xulgado Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña ditou unha sentenza en firme (sen posibilidade de recurso), na que obriga a Consellería a pagar os efectos retributivos dos trienios que lle recoñecera a efectos administrativos pero non a efectos económicos á persoa recorrente; así mesmo, a sentencia obriga ao pagamento de xuros dende o día en que o caso foi coñecido polo xulgado e non impuxo costas. Daquela, esta sentencia abre a posibilidade de cobrar os efectos económicos dos trienios correspondentes aos cinco anos anteriores ao día en que se presentou o recurso.
Un exemplo: unha persoa que comezase a cobrar o mes de maio de 2007, data dende a que a consellería paga de oficio por aplicación do EBEP os trienios ás persoas interinas, o segundo trienio; tería dereito, en virtude desta sentencia, a cobrar en concepto de atrasos o que lle correspondería ter cobrado se lle perfeccionasen os trienios ao longo dos corenta meses anteriores (no caso deste exemplo a persoa interina acreditara no momento da reclamación seis anos e catro meses de servizos prestados á Administración). Isto quere dicir que estamos falando de sumas importantes de diñeiro, no caso do exemplo arredor de 1.750 €.
A sentencia, cómpre telo presente, non dita xurisprudencia, pero si é un precedente; ademais, considerando que a aplicación do antedito acordo e da doutrina do Tribunal de Xustiza das CCEE ao respecto do profesorado interino esixe que os xulgados faga unha interpretación analóxica, animamos a todo o profesorado afectado a recorrer as reclamacións denegadas e a interpor novas reclamacións; aquelas persoas ás que vos veu denegada a reclamación, revisade os prazos, ao mellor aínda podedes reclamar... e sempre vos queda a posibilidade de iniciar de un novo trámite administrativo.
Desde o STEG non podemos garantir a posibilidade de que as xestións progresen adecuadamente e de que a administración asuma na súa integridade a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, mais consideramos que sería unha boa medida de presión reclamar, por vía administrativa, os dereitos de traballadoras e traballadores que estarían deixando de percibir algo que lles corresponde. Se o considerades oportuno, temos un modelo de reclamación á vosa disposición, que podes descargar na nosa web ou solicitar en todas as sedes do STEG.
|