|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
| PROFESORADO
INTERINO Os servizos xurídicos do STEG veñen de estudar a posibilidade de que o persoal interino que vén traballando con anterioridade á publicación do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) poida reclamar os trienios con efecto retroactivo, polo que as persoas que integran ese colectivo poderían chegar a cobrar os trienios que lle terían correspondido como persoal temporal, se fose o caso, nos anos 2004, 2005, 2006 e 2007. A reclamación susténtase nunha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, na que se considera contrario ao dereito comunitario establecer diferenzas de trato entre traballadoras ou traballadores cun contrato de duración determinada e traballadoras fixas ou traballadores fixos, polo que, independentemente do establecido no EBEP, a totalidade das persoas en situación eventual poderían reclamar os seus dereitos previos no que se refire ao cobro de trienios. Segundo a lexislación xeral existe un prazo de 5 anos para reclamar ingresos indebidamente deixados de percibir. Independentemente da interpretación que poidamos dar á sentenza, que dependerá en boa medida da aplicación que fagan da mesma os tribunais do Estado, o persoal interino nesta situación estaría a perder, día a día, a posibilidade de percibir eses atrasos. O mesmo acontece co profesorado que acadou unha praza como funcionaria/o de carreira nestas últimas convocatorias. Desde o STEG non podemos garantir a posibilidade de que as xestións progresen adecuadamente e de que a administración asuma na súa integridade a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, mais consideramos que sería unha boa medida de presión reclamar, por vía administrativa, os dereitos de traballadoras e traballadores que estarían deixando de percibir algo que lles correspondería. Temos un modelo de reclamación en todas as sedes do STEG á vosa disposición. Se queredes recibir máis información sobre este tema podedes enviarnos o voso enderezo electrónico ao correo do STEG. Para que a campaña teña máis éxito sería preciso que enviásedes copia da reclamación rexistrada á sede de Compostela do STEG : Avda. de Coimbra, 15-Local 15704 |