|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
| O borrador de RD de acceso e a transitoria son un novo engano ao profesorado interino e substituto O borrador de RD de Acceso e a Transitoria que se recolle no seu título VI, non solucionan o problema ao colectivo, polo que debemos consideralo como un novo engano, esta vez co visto bo dos sindicatos que asinaron o Acordo do 30 de outubro. Sindicatos que por conseguir favores da administración, son capaces de vender ás traballadoras e traballadores. E o que é máis grave, ao colectivo que traballa en situación máis precaria. No STEG-Informa de outubro de 2005, o STEG xa adiantaba a chegada deste documento que algúns sindicatos cualificaban como a solución para o colectivo. O tempo, lamentablemente, danos unha vez máis a razón, e coa lectura do mesmo, veremos que o RD nos se diferencia en nada substancial do RD 334/04, actualmente vixente. E a Transitoria e unha versión desmellorada das transitorias LOXSE, que nesta ocasión opta polo concurso-oposición como sistema de acceso. Desmellorada, porque nesta transitoria a fase de oposición é eliminatoria e si as transitorias LOXSE, solucionaban o problema de maneira conxuntural, que tampouco era a o desexable, nesta ocasión non sucede o mesmo. Polo tanto, pode ser a propia Transitoria a que poida deixar a boa parte do colectivo fóra. Teriamos outra solución, en todo caso conxuntural, que sería que a transitoria camiñara parella dun acordo de estabilidade que non deixara na rúa á parte do colectivo que non conseguira superar o proceso. E que debido á súa experiencia, serían a mellor opción para seguir facéndose cargo das interinidades e das substitucións. Pero como sabemos, no noso territorio tampouco a Consellaría de Educación e boa parte dos sindicatos están dispostos a dar solución a este problema. Por outra banda, queremos deixar ben claro que ao STEG, tamén nos serviría unha transitoria, nos termos que expoñemos máis abaixo, agora ben sempre e cando fora acompañada dunha posterior medida ordinaria en forma de acceso diferenciado que dera solución definitiva ao problema. Doutro xeito, como xa temos dito, isto sería pan para hoxe e fame para mañá. Desde o STEG e a Confederación de STES-i, xa nos puxemos a traballar e a presentar ao MEC unha proposta de acceso transitorio. Proposta baseada nos principios que sempre defendemos e nas aportacións de representantes do propio colectivo. Aportacións recollidas nas múltiples conversas e reunións que levamos mantido nos últimos anos. O noso modelo sindical baséase no asemblearismo, na cercanía ao profesorado, e unha mostra máis é a convocatoria da Plataforma Estatal de profesorado interino e substituto que se fixo desde a Confederación de STEs-i o pasado xoves 14 de setembro. Nesta reunión presentamos a nosa proposta de acceso transitorio que tivo unha magnífica acollida entre o colectivo. A continuación, podedes valorar a nosa proposta de maneira comparada coa do MEC e os sindicatos do Acordo do 20 de outubro. Secratariado Nacional do STEG |