Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << Profesorado interino

O STEG, a Confederación de STEs-i, e outras forzas sindicais conseguen o recoñecemento do pagamento da antigüidade ao profesorado interino

MÁIS DE 4000 DOCENTES GALEGOS TERÁN POR FIN DEREITO A COBRAR OS TRIENIOS POR ANTIGÜIDADE

Esta medida terá carácter básico, o que supón que debe aplicarse en todo o Estado polo que en Galiza afectará a cerca de catro mil traballadoras e traballadores do ensino público galego. Resultaba inadmisíbel que a Administración galega, pola mesma función, remunerase de forma distinta as traballadoras e traballadores, incumprindo a máxima de xustiza : “a igual función igual soldo”.

O STEG, xunto con outras organizacións –ELA, CIG, IAC, IA…- coas que actuamos conxuntamente no ámbito da función pública, mantivemos diversas reunións cos grupos parlamentarios do Congreso de dos Deputados co obxectivo de introducir modificacións ao proxecto de lei de Estatuto Básico do Empregado Público, co obxectivo de o mellorar.

A través destas reunións e contactos, e apoiados pola presión que historicamente exercemos desde o STEG e a Confederación de STES-i, logramos que na Comisión da Función Pública se aprobase por unanimidade o recoñecemento da antigüidade (trienios) para os funcionarios públicos que desempeñan o seu traballo como persoal interino. Esta medida debe ratificarse no pleno do Congreso, cando se aprobe este Estatuto definitivamente.

Debemos lembrar que esta mellora responde, en gran medida, ás presións exercidas polo profesorado interino no curso pasado e que o STEG apoiou, sen fisuras, en todo momento. Tanto as folgas, manifestacións, peches...deron como resultado a visibilización desta precaria situación e a solución a unha parte do problema : as desiguais retribucións.

Desde o STEG e a Confederación de STES-i seguiremos traballando para introducir outras melloras concretas no proxecto de Estatuto, que na súa formulación inicial foi rexeitada rotundamente por esta organización dado o seu carácter regresivo.

Pero aínda queda o máis importante: rematar coa precariedade no emprego público e facilitar o acceso á función pública de quen levan tempo traballando con eficacia para a Administración Pública Galega. Ao non recoller esta e outras demandas desde o STEG oporémonos sempre a un ESTATUTO DA FUNCIÓN PÚBLICA DOCENTE XERARQUIZADOR E QUE NON RECOÑECE, MEDIANTE UN ACCESO DIFERENCIADO, O TRABALLO DAS NOSAS COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS