Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << Profesorado interino

PROBLEMÁTICA DO PROFESORADO INTERINO SEN ESPECIALIDADE LOXSE

A aprobación da LOE, supuxo o fin do acceso ao 1º Ciclo da ESO por parte do profesorado de primaria. Esta lei implicou tamén que o colectivo de profesorado interino que cubría interinidades e substitucións neste ciclo, quede agora sen posibilidade de acceso, e polo tanto vexa mermadas as súas posibilidades de traballar xa que ao non ter especialidades LOXSE, só podería optar a vacantes da especialidade de primaria. Esta é unha situación excepcional, froito da forte reconversión que sufriu o ensino coa aplicación da LOXSE e que deu lugar, xa no seu momento, a multitude de medidas extraordinarias.

A busca dunha solución para este colectivo, supón un exercicio de reflexión e análise da situación, xa que unha medida precipitada, pode supoñer un serio agravante para outras listas, e polo tanto para outras persoas. Lembremos que a proposta da consellaría consiste en presentarse ás oposicións en calquera especialidade de primaria e colocarse de acordo á súa antigüidade, co mesmo número que tiñan con anterioridade, na lista da especialidade pola que se presenten á oposición sen necesidade de aprobar ningún exame.

A proposta que fai o STEG, sempre unha proposta aberta e polo tanto debatible e con miras a buscar unha solución de consenso, é a seguinte:

1. Que se lles oferten os cursos de formación necesarios para acadar a habilitación correspondente a unha das especialidades actuais.
2. Que se faga un reparto equilibrado das prazas ofertadas entre todas as especialidades LOXSE, para que se cause o menor dano posible ás persoas que xa ocupan estas listas e ao tempo evitar o colapso dalgunha das especialidades (co fin de evitar que todas as persoas afectadas escollan unha mesma especialidade).
3. O acceso para escoller “curso de habilitación” faríase por orde de antigüidade
4. Para evitar a posible “habilitación forzosa” (persoas interesadas nunha especialidade da que xa non quedan prazas nos cursos) tamén se ofrecería a posibilidade de habilitarse opositando e así acceder a outra lista sempre e cando aprobe a 1ª proba da oposición, se teña aprobada en convocatorias anteriores ou polos mesmos mecanismos que se habilita ao profesorado funcionario.

Despois de varias reunións con persoas destes colectivos, e despois de falar entre os sindicatos, acordamos manter unha reunión entre os seis sindicatos con representación no ensino, para acordar unha proposta consensuada e facela chegar á consellaría.

Secratariado Nacional do STEG
febreiro 2007