Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << Profesorado interino

Resumo e valoración das reunións da plataforma cos grupos parlamentares

O venres 23 de febreiro e reunímonos cos portavoces dos grupos parlamentares do PSOE, Guillerme Meijón, e do BNG, Manuel Parga, e o mércores 28 de febreiro co a Portavoz do PP Manuela Besteiro.

Nas tres reunión reclamamos as nosas demandas unitarias:

1. que se abrise un proceso negociador de estabilidade.

2. reunión da Plataforma coa Conselleira.

3. ademais o STEG demandou que se instara á Conselleira a un compromiso escrito de que despois deste primeiro proceso de Acceso transitorio, que a Administración avaliará se serviu para o ingreso do Profesorado interino, ningún interino/a quedaría sen traballo.

RESPOSTAS DO PORTAVOCES :

1. PSOE : transmitirá estas demandas á Conselleira máis ve difícil que asuman un compromiso por escrito no que ao punto tres se refire. Entende que esta transitoria vai ser a solución a un grande número de profesorado interino e que despois poderase falar dun proceso de estabilidade.

2. BNG : entende as nosas demandas e defenderá unha proposición no de lei para que se abran as negociacións. De todo xeitos lembra que o pacto de goberno dificultará que triúnfe esta iniciativa. Probablemente haxa emendas a esta proposición.

3. PP : apoiará calquera iniciativa a favor do colectivo que se presente no parlamento, mesmo ao do BNG. Non pode estabilizarse a todo o colectivo, debe ser dunha porcentaxe determinada e por un período determinado. Apoia a demanda de que para este ano se lle garanta o posto de traballo ao profesorado interino antes do proceso de Concurso-Oposición.

VALORACIÓN DO STEG

Para o STEG esta vía das entrevistas parécelle pouco efectiva xa que sempre transmitirán boas intencións máis neso se quedan. Entendemos que a día de hoxe o grupo socialista non ten interese en reabrir as negociacións. Parécenos grave que xogue á lotería cos postos de traballo das interinas e interinos ao dicir que este proceso de Acceso non lles afectará e, ao mesmo tempo, non querer garantir por escrito eses postos de traballo para o ano que ven no suposto de que o novo RD non cumpra as expectativas. ¿Por qué? ¿ao mellor non se ten tan claro? ¿Por que se trata diferente ao profesorado que a outros colectivos como os traballadores/as da sanidade aos que se lles garantiu o traballo no caso de non aprobar?, ou, aínda máis grave, estase a estabilizar a colectivos da privada dentro do sistema público de saúde. Temos claro que non hai vontade política e que se non se cumpre a súa “profecía” pode provocar unhas condicións sociolaborais ainda moito peores para un colectivo tratado, desde sempre, inxustamente.
Agradecemos a presentación da PNL por parte do BNG , máis instamos a que na negociación das emendas co seu socio do goberno cando menos consiga, pois xa case daba por feito que non se conseguirá a súa aprobación ao estar por riba o pacto de goberno, a estabilidade para o vindeiro ano a todos/as afectados/as neste proceso opositor.

Tamén agradecemos o apoio do PP á iniciativa do BNG e á proposta de garantir os postos de traballo polo menos para o vindeiro ano a todo o colectivo afectado polo proceso opositor deste ano. Lamentamos que durante anos este grupo non tivese a máis mínima consideración para este colectivo e que agora pode que atenda máis a estratexia política que a un interese real polo colectivo.

DESDE O STEG SEGUIREMOS A ESFORZARNOS ATA CONSEGUIR GARANTIR OS POSTOS DE TRABALLO DO PROFESORADO QUE TEN SOBRADAMENTE MOSTRADA A SÚA CAPACITACIÓN NA ACTIVIDADE DIARIA EN MILES DE CENTROS DE GALIZA

Secratariado Nacional do STEG
febreiro 2007