|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
|
As organizacións sindicais CIG-Ensino, UGT, STEG e a Asociación de Profesorado Non Numerario de Galicia, temos constituída desde o ano 2003 a Plataforma polo Acordo de Estabilidade e para Mellorar as Condicións de Traballo do Profesorado Interino e Substituto . A día de hoxe máis de 4. 000 traballadores e traballadoras do ensino público, é dicir, aproximadamente un 12% dos/das docentes galegos, traballan temporalmente sen ter ningunha garantía de traballo para o futuro. Estamos a falar do profesorado interino e substituto, que non ten estabilidade no posto de traballo e que non goza dos mesmos dereitos laborais e retributivos que a Lei lles recoñece ao funcionariado. Solucionar a precariedade laboral deste amplo colectivo incidirá, sen dúbida, na mellora da calidade do ensino público non universitario. Por todo isto, e desde o momento da súa constitución, a Plataforma galega que abrangue a este profesorado presentoulle a Administración educativa unha proposta de acordo para negociar na Mesa Sectorial Docente non Universitaria. A pesar de todas as iniciativas e mobilizacións levadas a cabo pola Plataforma, non foi posible chegar a un acordo coa Consellaría de Educación. Moi ao contrario, en xullo de 2006, a Consellaría asinou cunha minoría sindical (CCOO, ANPE e CSIF) un acordo que non recolle as demandas do profesorado interino e non contempla case ningunha mellora retributiva nin laboral. Por iso a maioría sindical representada na Plataforma, CIG-Ensino, UGT e STEG así como a Asociación de PNNs, solicitamos xa no mes de outubro unha nova entrevista coa Conselleira de Educación para que nos explique as causas da ruptura das negociacións e para demandarlle a súa reiniciación. Así mesmo, o 31 de outubro mantivemos unha entrevista cos grupos parlamentares co obxecto de que adoptasen algunha inciativa conducente a que a consellaría reabrise as negociacións co Profesorado interino e substituto. Como queira que a Sra Conselleira aínda non
se dignou a recibirnos e ante a inminente negociación da oferta
de emprego e a propia convocatoria de Procedementos Selectivos de Ingreso
na Función Pública, a Asemblea de Profesorado interino
e substituto así como as organizacións que constituímos
a Plataforma, decidimos emprender unha serie de accións comezando
pola convocatoria dunha concentración en S. Caetano o
mércores 7 de febreiro ás 12 da mañá. Secratariado Nacional do STEG |