Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << Profesorado interino

Estabilidade e acceso diferenciado.
O momento de dar solucións.

Como sabes, desde o STEG e desde a Confederación de STEs-i, da que formamos parte, levamos moitos anos na procura da mellora das condicións de traballo do profesorado interino e substituto. Este traballo levámolo a cabo desde as distintas plataformas que se formaron e en ocasións incluso en solitario, cando ningún outro sindicato se quixo sumar ás reivindicacións pola mellora da vosa situación laboral. Falo por exemplo da folga do curso 2003-2004 cando a convocamos en solitario, ou do pasado 8 de xuño, cando acudimos á xornada de folga e manifestación en Madrid diante do MEC.

Neste momento, está en marcha a proposta de solución a dous dos temas que afectan de maneira máis directa ao colectivo: a estabilidade e o acceso.

En canto á estabilidade, desde a Plataforma do profesorado interino e substituto, da que o STEG forma parte, temos elaborado unha proposta de estabilidade para os vindeiros 6 anos. Proposta que actualiza a presentada no ano 2003. Temos solicitada entrevista coa Conselleira e pronto se iniciará a negociación.

Tamén está de plena actualidade a nosa proposta de acceso diferenciado toda vez que a LOE está en fase de tramitación no Parlamento do Estado, única posibilidade que temos para modificar o acceso. A nosa emenda á Disposición Adicional Duodécima, que é a que regula o acceso, forma parte das 116 enmendas que o STEG ten presentado ante o Proxecto da LOE.

Neste momento parece que se pode aprobar unha transitoria ao estilo das da LOGSE coa que estarían de acordo varios dos sindicatos do sector. Queremos deixar ben claro que ao STEG e á Confederación de STEs-i, tamén lle valería a transitoria, agora ben, sempre e cando vaia acompañada dunha posterior medida ordinaria en forma de acceso diferenciado que dera solución definitiva ao problema. Doutro xeito, isto sería pan para hoxe e fame para mañá.

O STEG e a Confederación de STEs-i, témolo previsto e para elo temos convocadas xornadas de folga se non se dá unha solución definitiva ao problema. As datas son as seguintes: 19, 26 e 27 de outubro; 9, 10 e o 16 ou 17 de novembro onde se remataría cunha gran manifestación en Madrid.
Queremos facer un chamamento serio e importante de cara á primeira xornada de folga do día 19 de outubro. Ese día o colectivo concentrarase ante a Subdelegación do Goberno na Coruña. Para preparar esta xornada, a Plataforma do profesorado interino e substituto de Galicia ten convocado unha Asemblea Informativa o sábado 15 de outubro ás 11:30 horas no IES Monte de Conxo en Santiago de Compostela. É moi importante a túa presenza na asemblea e tamén na xornada de folga.

Polo tanto, insistimos, é moito o que se está a xogar. E precísase dunha resposta contundente do colectivo se ao final só se quere aprobar a transitoria, transitoria que acabaría con moita xente engordando as listas do paro.
Para asistir a estes actos ou para solicitar máis información, podes poñerte en contacto coas sedes do STEG.

POR DURO QUE PAREZA, MOBILIZACIÓN E FOLGA OU PARO.
TI DECIDES.

Secretariado Nacional do STEG