Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << Profesorado interino

O STEG ve avances positivos para o profesorado interino na tramitación da LOE no senado

O STEG e a Confederación de STES-i da que forma parte, valora positivamente a aprobación pola Comisión de Educación do Senado, da emenda de Acceso á Función Pública Docente, no Proxecto de LOE, que supón de avance na solución á problemática da interinidade na Función Pública Docente. Esta problemática afecta en Galiza a máis de 3000 docentes e no Estado a 80000.
Seguimos a manter que a mellora na forma de acceso non chega ao sistema de “acceso diferenciado” -prazas para libres e prazas para a interinas e interinos- que propugnamos continuamente desde o STEG.

Esta nova proposta vén a darnos a razón no sentido de que a redacción orixinal da Disposición Transitoria 17ª ofrecía unha saída máis que deficiente ás reivindicacións do Profesorado Interino, baseada no lamentábel Acordo sobre o profesorado, de 20 de Outubro de 2005, firmado polo MEC e varios sindicatos. En efecto, a iniciativa do Senado evidencia que outra solución é posíbel para o colectivo de profesores e profesoras peor tratados do sistema educativo.

A emenda aprobada é positiva porque, en primeiro lugar, recoñece a existencia do problema da interinidade no ensino, cuestión que liga acertadamente á calidade do sistema educativo público.

En segundo lugar, porque recoñece a experiencia docente ata o máximo legal permitido.

E en terceiro lugar e, sobre todo, porque configura a fase de oposición con dúas partes non eliminatorias (Memoria e Proba) e xa que logo farase unha valoración conxunta; isto, de concretarse nesta liña, será beneficioso para o Profesorado Interino.
Ante o avance producido no Senado, a Confederación de STES-i fai un chamamento aos grupos políticos en xeral para que, no que resta de trámite parlamentario da LOE, acerten en dar solución á precariedade do emprego na Función Pública Docente, e en especial ao Grupo Socialista para que considere esta emenda.

O STEG, agora máis que nunca, insta ao MEC a que reflexione sobre o citado Acordo de 20 de outubro de 2005, así como aos sindicatos asinantes do mesmo, a fin de que se busquen solucións acordadas e non excluíntes como ata agora se fixo.
Finalmente, lembramos que o STEG a través da Confederación de STES-i e xunto coa Plataforma Estatal de Profesorado Interino, solicitou entrevista co Presidente do Goberno, Sr. Rodríguez Zapatero, para tratar de encontrar vías de solución á problemática que nos afecta.

marzo 2006
Secretariado Nacional do STEG