Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << Profesorado interino

As centrais sindicais asinantes da addenda sobre profesorado interino e substituto cometeron onte unha gran irresponsabilidade ao asinar un documento que compromete a estabilidade do colectivo e o sigue a condear a unha situación de precariedade laboral.

Coa sinatura por parte da administración galega e as centrais sindicais asinates do acordo (addenda) estase a condenar ao paro a centos de profesoras e profesores.

O 11 de xullo, a administración galega asinou un documento coa connivencia de CCOO, ANPE e CSIF no que supostamente se recollen unhas melloras para o colectivo do profesorado interino e substituto. Desde o STEG queremos denunciar que a información sobre as melloras para o todo o profesorado interino son falsas por:

  1. Non afectan máis que a unha porcentaxe mínima do colectivo. Que é o profesorado substituto, o interino xa cobraba as vacacións.
  2. O STEG sempre demandou o pago das retribucións dos meses de vacacións aos substitutos e substitutas. Gañamos sentenzas neste sentido. Esta medida era necesaria regularizala pois é un dereito de todo traballador/a o cobro das vacacións. Agora ben, non afectara a maioría do profesorado substituto actual xa que esta parte do colectivo será o primeiro en perder o seu posto de traballo polo que non chegará a cobrar estes meses.
  3. A reducción ao 5% da precariedade laboral mediante un sistema de concurso oposición, do que ainda non se elaborou Real Decreto, é unha irresponsabilidade e unha falla de respecto a este colectivo que leva prestando os seus servizos durante anos á sociedade galega. O suposto novo sistema de acceso á función pública docente pode deixar no paro a centos de traballadoras e traballadores do ensino polo que a reducción da precariedade, administración e centrais sindicais asinantes recoñeceron que existe, vaise a “solucionar” enviando ao paro as profesoras e profesores en precario.

Dende o STEG demandamos da Administración e dos sindicatos asinantes, unha maior sensibilidade para este colectivo que se demostre na apertura dunha Mesa de negociación sobre a estabilidade na que se teña en conta as demandas da Plataforma de Interinas/os como sucede na maioría de territorios do Estado.

Despois desta necesaria denuncia, é preciso facer balance do curso. Podemos dicir que o profesorado interino e substituto deu a cara apoiado polo STEG e o resto de organizacións da plataforma, tratouse de dividir ao profesorado con propostas inaceptables e non o lograron; o colectivo amosou a súa capacidade de diálogo e de negociación, falouse coa administración, cos grupos parlamentares e con organizacións que ían e viñan á plataforma. Importante foi tamén a visibilización social da problemática existente, a través da prensa e das accións na rúa e nos centros de ensino.

Se, pese a isto, as organizacións sindicais asinantes se manteñen na súa postura, teremos que dicir que o proceso segue aberto. O colectivo sabe que pode contar co apoio do STEG, e que seguiremos loitando para que ao igual que na maioría de territorios do Estado, o colectivo galego teña tamén estabilidade.

Queremos por último desde o STEG, agradecer ao IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, as atencións que tivo co profesorado interino e substituto e coas organizacións que integramos a plataforma.

Xullo 2006
Secretariado Nacional do STEG