DOCUMENTO
1.A: Informe "O impacto das sancións sobre a muller iraquí"
por Carlos Varea Unha explícita política gobernamental
de promoción social da muller e os investimentos públicos en sectores
estratéxicos como a sanidade e a educación situaron a Iraq, ao iniciarse
a década dos 90, entre os países en desenvolvemento con mellores
indicadores de xénero. A iso uniuse o papel económico e social que
a muller iraquí houbo de asumir durante a guerra irano-iraquí (1980-1988),
unha prolongada e sanguenta contenda que determinou un importante incremento de
fogares con mulleres como cabezas de familia e a súa incorporación
ao traballo asalariado. Desde agosto de 1990, tras a súa invasión
do emirato de Kuwait, Iraq sofre un réxime de sancións internacionais
imposto polo Consello de Seguridade que se mantiveron en vigor tras a Guerra do
Golfo (xaneiro-febreiro de 1991) e ata a actualidade, tan só moi discretamente
aliviado pola aplicación, desde xaneiro de 1997, da resolución 986,
coñecida como petróleo por alimentos. As Axencias especializadas
de Nacións Unidas (NNUU) documentaron e describiron como graves e atentatorias
dos principios da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e demais lexislación
humanitaria internacional sobre protección de poboacións civís
(desde a Convención de Xenebra aos protocolos sobre dereito alimentario
da FAO) o impacto que as sancións económicas están a ter
sobre a poboación iraquí e, en concreto, sobre os seus sectores
mais vulnerábeis -a infancia, a ancianidade, os enfermos crónicos.
A Subcomisión de Prevención de Discriminacións e Protección
das Minorías da Comisión de Dereitos Humanos de NNUU indicaba, fai
xa algún tempo, o seguinte: "A Subcomisión chama a atención
sobre as alarmantes informacións contidas en numerosos informes das Nacións
Unidas e de organismos especializados en relación coa situación
de persoas inocentes que sofren [en Iraq] un menoscabo inaceptábel dos
niveis de saúde, nutrición, atención sanitaria, educación,
emprego e agricultura.(...) Considerando que todo embargo que teña como
resultado condenar a un pobo inocente á fame, a enfermidade, á ignorancia
e mesmo á morte, sen que se atinxan os obxectivos para os que se impuxo,
constitúe unha violación manifesta dos dereitos económicos,
sociais e culturais dese pobo así como do dereito internacional, a Subcomisión
fai un chamamento á comunidade internacional e, en particular, ao CS para
que se levanten as disposicións do embargo que afectan á situación
humanitaria da poboación iraquí". Máis recentemente,
en marzo de 1999, a situación da poboación iraquí era descrita
como crítica e grave no informe S/1999/356 elaborado por un grupo de peritos
encargados polo Consello de Seguridade de avaliar as condicións de vida
da poboación iraquí: "O país pasou dunha situación
de relativo benestar á pobreza masiva (...) A gravidade da situación
humanitaria da aldea iraquí é incuestionable e pode esaxerarse (páx.
31). Este grupo consideraba que a crise humanitaria que vive Iraq non pode ser
solucionada satisfactoriamente por medio do programa humanitario derivado da aplicación
da resolución 986 e non dubida en concluír -no parágrafo
45 do seu informe- que esta situación é consecuencia principal da
mortífera combinación da destrucción causada durante a guerra
de 1991 e de case nove anos de aplicación dun embargo económico
absoluto sobre a economía do país. A muller iraquí sitúase
tamén entre os grupos poboacionais máis gravemente afectados pola
prolongación desde fai 10 anos das sancións económicas, e
iso tanto en aspectos específicos asociados ao grave retroceso na asistencia
sanitaria pública e o empobrecemento xeneralizado da poboación (por
exemplo, o incremento da taxa de mortalidade materna), como nunha nova funcionalidade
social que está a modificar notoriamente, ás veces de maneira contraposta,
tendencias previas de promoción feminina e equiparación de xénero 
DOCUMENTO
1. B: Informe "O impacto das sancións sobre a muller iraquí"
por Carlos Varea
En
1974/75 o goberno iraquí declara gratuítos todos os niveis educativos,
desde o preescolar aos estudios de postgrado no estranxeiro, e prohíbese
o ensino privado, nun sistema de educación mixto e non confesional. Un
ano despois é declarado obrigatorio o ensino primario. Nos anos sucesivos
lógrase a plena equiparación de xénero en primaria e moi
positivas porcentaxes en niveis educativos medios e superiores. O traballo infantil
queda prohibido. En 1980 Iraq é o primeiro país da rexión
en recoñecer por lei os dereitos sociais dos discapacitados (en 1990 había
abertos no país 43 centros dedicados á súa educación).
En 1989 Iraq destinaba o 6,4% do gasto nacional á educación, un
incremento financeiro de 2,5 veces nunha década, case o duplo da media
dos países en desenvolvemento. Entre 1975 e 1988 o número de estudiantes
universitarios e de escolas técnicas superiores incrementouse nun 52%:
pasando de 781 a 1.188 por 100.000 habitantes. Debido á destrucción
ocasionada durante a Guerra do Golfo e tras dez anos de sancións, os retrocesos
no sector educativo son evidentes, unha situación que o anterior coordinador
da axuda humanitaria de NNUU en Iraq, von Sponcek, cualificou de "embargo
intelectual" sobre as xeracións que haberán de rexer o país
no futuro. Un recente informe de UNICEF (1998) permite presentar resumidamente
esta realidade respecto ao tramo escolar: "[O deterioro educativo] inclúe
a falta dos máis básicos materiais tales como encerados, xices,
lapis, cadernos e papel, inaccesibilidade a calquera clase de auga e saneamentos
inexistentes ou inutilizábeis. Algúns nenos, privados nos seus propios
fogares de auga e comida antes de ir á escola, non desenvolveron a necesidade
de usar un servicio; outros voltan á casa para poder facer as súas
necesidades. Debida ao escaseza, ata catro nenos poden ter asignado un mesmo
pupitre: o día que lles corresponde sentarse no chan algúns pais
non os envían á escola. Non hai orzamento público para
o mantemento dos centros. Xanelas rotas, tellados con goteiras e latrinas e lavabos
estragados permanecen sen reparar. Mesmo cando hai subministro eléctrico,
os nenos aprenden nunha atmosfera de luz sombriza, escasa ventilación,
de auga que pinga polo teitos das aulas. As ameazas á saúde e
a seguranza nas escolas e na súa veciñanza inclúen cables
eléctricos nus, lixos, insectos e ratas e augas estancadas provenientes
do desbordamento e rotura das canalizacións dos sumidoiros. A maioría
das escolas carecen de caixa de primeiros auxilios." (pp. 87 e 88)." O
programa humanitario de NNUU petróleo por alimentos destina á educación
menos do 4% da cantidade que Iraq pode ingresar pola exportación limitada
do seu petróleo, en total 72 millóns de dólares desde que
entrara en vigor a resolución 986, en xaneiro de 1997, unha cifra que non
cobre nin o 10% das necesidades básicas e que debe de se dedicar á
recuperación infraestructural dos edificios. No entanto, Iraq pagara a
finais de 2000 en concepto de indemnizacións de guerra 8.600 millóns
e medio de dólares. O deterioro nas condicións en que se imparte
o ensino, que a anterior cita do informe de UNICEF sintetiza ben, combínase
coa crise económica familiar determinando a reducción das taxas
de asistencia a clase en todos os niveis educativos. Así, pese ao seu carácter
obrigatorio, a incorporación á escola (a etapa de primaria cobre
dos 6 aos 11 anos) reduciuse do 92,4% 1992 ao 68,8% no curso 1996/97 (pese a que
a matriculación no ano previo foi moito mais elevada, o 84%), manténdose
a equiparación de xénero (UNICEF, 1998). Ao longo dos tramos educativos
posteriores estíma que un de cada catro estudiantes (o 21%) abandona os
estudios para axudar á economía familiar (un continxente anual de
100.000): hoxe é habitual ver nas rúas das cidades iraquís
ou nas estradas, rapaces e rapazas traballando ou mendigando, se ben o absentismo
escolar afecta de diferente maneira a un e outro sexo. Así, mentres
que o abandono dos estudios para contribuír á economía familiar
semella recaer máis nos rapaces que nas rapazas, o incremento das tarefas
domésticas xunto co aumento do gasto escolar antes cuberto polo Estado,
o desánimo polo deterioro das instalacións e a devaluación
da educación como valor social, están trocando a tendencia da década
anterior á equiparación de xénero nos distintos tramos educativos,
con descensos nas taxas femininas de matriculación e asistencia, máis
intensamente no medio rural (UNICEF, 1998). Para contrarrestar esta tendencia,
o ministerio de Educación iraquí, en colaboración con UNICEF
e a FGMI, puxo en marcha un programa denominado de educación non-formal
destinado a nenas de entre 10 e 14 anos que abandonasen os seus estudios. O programa
animaba ás nenas a reincorporarse á escola normal tras este período
de adecuación. Pese ao seu éxito (logro atender a demanda de 12.000
nenas e adolescentes), en 1996 o ministerio houbo de paralizar o programa por
falta de fondos.
|