SECRETARIA DA MULLER
NOTAS DE PRENSA

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

O espectáculo da violencia de xénero

            Nos últimos días, e gracias a Tele 5 e ao seu famoso programa Gran Hermano,  asistimos en vivo e en directo a varias escenas reais de violencia de xénero. Estas escenas estanse consentindo, aínda en contra das normas do propio programa, en aras de aumentar a audiencia do mesmo. A cadea que está emitindo as agresións verbais e físicas dun xoven contra a rapaza coa que comparte unha relación sentimental, é a mesma que nos vende a súa ración de solidariedade cando adica un mes a tratar o problema da violencia contra as mulleres, o que denota a falta de sensibilización real con este problema e a utilización de "causas solidarias" como reclamos de audiencia.

Consideramos que non se poden consentir imaxes como as citadas nen comentarios como os que estas suscitan noutros programas da mesma cadea identificando a violencia exercida cunha relación "paixonal". Vimos como a dirección do programa recriminaba ao concursante por discutir con outro compañeiro, non así polas súas agresións cara a rapaza, supoñemos que coa vella lóxica de que por ser unha relación de parella atópase no ámbito do íntimo, do privado, aínda que o estén presenciado millóns de persoas como neste caso. Esa mesma lóxica que mantén na impunidade a tantos maltratadores e na miseria física e psicolóxica a tantas mulleres.

 Parecenos asimesmo vergonzoso que o coordenador de psicólogos do programa disculpe as actuacións violentas do devandito concursante dicindo que sufre un síndrome de abstinencia de tabaco. Non podemos tolerar o tratamento que os medios de comunicación en xeral, e esta cadea en particular están tendo coa violencia de xénero, reproducindo os esquemas que a provocan e a manteñen.

 Desde a Secretaría da Muller do STEG queremos expresar a nosa máis enérxica  repulsa á utilización e banalización que os medios de comunicación fan dun problema deste calibre.

                                                                                    5 de marzo de 2001

                                    Secretaría da Muller do STEG

Notas de prensa Secretaría da Muller Portada STEG