SECRETARIA DA MULLER
NOTAS DE PRENSA

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

A Secretaría da Muller do STEG (Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia) quere denunciar a campaña navideña de juguetes do centro comercial CARREFOUR, concretamente a páxina de Internet onde fai referencia ás ofertas de xoguetes para esta temporada por sexista: porque, ao noso entender, o juguete influe na adquisición de hábitos e pautas de comportamentos, porque potencia o desenvolvemento de valores e identifica cos roles. Portanto, hai que ter unha especial atención á hora de llos ofrecer aos nenos e as nenas. Temos constancia de que a mesma propaganda estase enviando ás casas de tal maneira que a campaña ten moita maior difusión e portanto os seus efeitos negativos chegan a mais fogares.

Esta páxina divídese en catro espacios: o primeiro refírese aos xoguetes que conveñen a bebés e preescolares, o segundo, e isto seméllanos grave, fai referencia aos xoguetes que serían axeitados para as nenas e, ademais de estar pintado de rosa, fai un listado dos xoguetes que conveñen ás nenas: beleza e tocadores, coidado do bebé, cociñas e fogar, bonecas, barbis,...etc. En terceiro lugar apresentannos os xoguetes que farían felices aos nenos, con este apartado pintado de azul, teríamos garaxes, superhéroes, veículos de fricción, playmovil, xogos de construcción, radio control, armas,...etc. Por último esta o espacio mixto pintado de verde, como dándonos a entender que existe un espacio para a esperanza, con musicais, puzzles, proxectores, xogos interactivos,...etc. Todo o mencionado até agora atópase aderezado con unha linguaxe sexista que non se lle escaparía nin á persoa mais allea ao tema, frases do tipo: xoga cos teus amigos, facer felices aos nenos,...

Resumindo, esta publicidade é sexista polas seguintes razóns: polas cores que utiliza, polos contidos e pola linguaxe.

As e os ensinantes sabemos a importancia que ten a nosa intervención á hora de traballar actitudes e valores e non podemos ollar cara outro lado e ignorar este tipo de comunicacións que fan inútil o noso traballo. Por outra banda, estamos demasiado acostumadas e acostumados a observar o uso comercial que a publicidade estática e dinámica adoita aplicar á figura da muller onde os roles que se lle adxudican non son outros que o de ama de casa, nai e educadora entregada, premio espléndido para un varón con éxito e máis cousas semellantes.

É por isto e porque necesitamos a axuda de todo o mundo e sobre todo dos meios de comunicación polo que apresentamos esta denuncia pública e presentaremos as que sexan necesarias para axilizar, na medida  posíbel, o camiño cara a igualdade.

 

Lugo, a 19 de decembro de 2001

Asdo: Branca Nazaré Guerreiro Muñoz

Responsábel da Secretaría da Muller do STEG

Notas de prensa Secretaría da Muller Portada STEG