SECRETARIA DA MULLER
NOTAS DE PRENSA

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

8 DE MARZO 2003

As mulleres do STEG unímonos ás mulleres iraquís que están a ver morrer aos seus fillos e fillas nos hospitais de Bagdad porque o bloqueo impide a chegada de medicamentos, a esas mulleres que están morrendo nos partos, que teñen fillos con malformacións terribles a causa do uranio empobrecido da guerra do 91. A elas, que seguen criando lazos de solidariedade e loitan por manter a normalidade da vida dos seus no medio de tanto horror temendo que en poucos días a guerra voltará a repetirse e que o imperialismo norteamericano caerá sobre elas e as súas familias co único obxectivo de controlar o subsolo petrolífero do seu país.

Unímonos ás mulleres galegas coma nós que viron tinxirse de negro as praias onde mariscaban, os portos onde cosían as redes, o mar de onde procedía o peixe que vendían, elas que soportaron as longas ausencias do home mariñeiro, temendo cada día que non voltase, criando soas aos seus fillos e traballando duramente nas praias, nos invernos crus de temporal atlántico, viron agora morrer as súas costas, o seu traballo, a súa vida, o sustento da súa familia. Elas berran nunca máis mentres recollen chapapote como os homes, aínda que nunca saian nos medios, organizan a economía de resistencia e renuncian ás míseras conquistas de benestar a penas acadadas para tratar de manter á súa xente. Denuncian que as axudas e subvencións non están orientadas a reestructuración económica e social necesarias para albiscar un novo futuro e saben que só queda a emigración, que os seus fillos se irán, os seus netos nacerán en países afastados, falarán outras linguas e elas ficarán para ver morrer o seu entorno e a súa cultura. E todo pola avaricia dos armadores, a insensatez dos gobernos, a lóxica capitalista de reducir custes no transporte do petróleo sexan cales sexan as consecuencias.
Estamos coas mulleres venezolanas que rexeitan a quen organiza o odio e o caos, que están en primeira liña para loitar polo seu dereito a vivir en paz e defender a Constitución Bolivariana de Venezuela, que lles deu, por primeira vez na historia, o dereito á total igualdade legal, á seguridade social, a unha pensión para as amas de casa. En 1999 o pobo criou e aprobou, co 72% dos votos, unha nova Constitución. As mulleres, as comunidades indíxenas que, como o resto das Americanas, estiveron baixo ameaza de xenocidio durante séculos, comunidades de cor, e outros grupos sociais que sofren discriminación, gañaron dereitos polos que loitaran durante anos. Pero xunto a estas medidas había outras necesarias sobre a nacionalización do petróleo do seu país que desataron as iras do capitalismo todopoderoso. Elas están nas rúas para berrar que non queren seguir pasando fame, que queren vivir e saír adiante e que non queren seguir sendo víctimas polo mero feito de pertencer a un país petrolífero.
A vida, no seu sentido mais amplo, está ameazada polo afán de posuír e rendabilizar o petróleo, o chamado ouro negro que simboliza a obsesión de poder e control sobre o mundo, por parte dos imperios capitalistas. Non entendemos esta lóxica de destrucción, por iso, desde a Secretaría da Muller do STEG berramos con tantas mulleres do mundo, este 8 de marzo, que non queremos mais morte por diñeiro, que non queremos máis sangue por petróleo, que non queremos mais fame pola cobiza duns poucos.
Nunca máis vida por petróleo!

Imprimir este artigo 

Notas de PrensaPortada Secretaria da MullerPortada STEG