Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

  << Portada STEG

<< Portada Muller
Propostas didácticas

365 dias de loita, 365 días de violencia contra as mulleres.

O oito de marzo é un día especial para mulleres de todo o mundo, un día no que coincidimos na nosa loita polos nosos dereitos e pola nosa dignidade: dereito ao emprego digno; á educación e á coeducación; aos recursos materiais, culturais e sociais; á representación paritaria; dereito ao noso corpo, á nosa sexualidade, á nosa vida.
Ás mulleres do mundo enteiro únenos a nosa condición de xénero, de excluídas dos excluídos, de defensoras da resolución pacífica dos conflictos, de protagonistas da única revolución incruenta da historia: a das mulleres.
Mulleres Palestinas e Israelís, crearon xuntas Mulleres de Negro, unha Rede Internacional de Mulleres contra a guerra. Mulleres de Colombia percorren a Selva do seu país en marcha contra os asasinatos, o narcotráfico, os paramilitares. Colectivos de mulleres indíxenas manteñen vivo o facho da súa cultura e da súa relación coa natureza, lonxe do infarto ecolóxico a que o "desenvolvemento" occidental está sometendo ao planeta. Mulleres de todo o mundo enfrontámonos ao neoliberalismo que nos empobrece como traballadoras e como persoas, e ao patriarcado, que nega ás mulleres os dereitos como seres humanos e como cidadás.
No Estado Español atinximos importantes logros nos últimos anos. Pero, quen ía a dicirnos na década dos setenta, cando comezou a organizarse o movemento feminista no noso país e loitabamos polo aborto libre e gratuíto, polo divorcio, cando berrabamos que a rúa e a noite tamén eran nosas, que no 2.004 íamos a estar a loitar polo dereito á nosa vida.
A violencia estructural -no emprego, nos medios de comunicación, na falta de corresponsabilidade no ámbito doméstico, na escasa representación nos postos de decisión- é consentida e perpetuada polas institucións chamadas "democráticas e representativas", polas institucións patriarcais. Institucións que se fan infinitamente máis eco de calquera tema que lles sexa rendible, que da violencia contra as mulleres. A violencia física, psicolóxica e emocional, que maltrata ás mulleres e asasínaas, está a atinxir, como poñen de manifesto cada vez mais estudios, niveis de andazo, só que o virus non é biolóxico, se non social e cultural, o virus dunha sociedade enferma, dunha sociedade patriarcal e sexista.
A violencia contra as mulleres é un problema social complexo. Para a prevela e erradicala precísanse medidas e recursos en todos os ámbitos: educativo, laboral, sanitario, xudicial, etc. Precísase, non propaganda electoral, se non verdadeira vontade de afrontar o tema. Precísase que a cidadanía, os axentes sociais e a clase política nos decatemos de que ás mulleres nos están a matar cada día e que isto nos importe. Ás mulleres vainos a vida niso, e á nosa cultura e a nosa sociedade enfermas, tamén.
Desde a Asemblea de Mulleres do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia), facemos un chamamento para que a violencia contra as mulleres se considere un tema prioritario tanto na axenda política, como nos medios de comunicación, e se adopten todas as medidas necesarias para a súa prevención e erradicación.

ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG
Marzo de 2.004