Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

  << Portada STEG

<< Portada Muller

25 de Novembro: Día Internacional contra a violencia sobre as mulleres

Moitos e difíciles teñen sido os anos que nos leva custado ás españolas sermos consideradas pola lei suxeitos de pleno dereito e acceder á educación e a un posto de traballo en condicións de igualdade cos homes ( pese a que isto último aínda non o temos conseguido de forma xeralizada). Pero a realidade cotiá das mulleres maltratadas e asasinadas ( 72 no pasado ano,54 este) pon de manifesto que aínda nos custará moitos anos máis conseguir que as relacións entre homes e mulleres se baseen no respecto escrupuloso á vida e á liberdade de toda a cidadanía, e non só dos varóns.
Ao longo da historia, os homes monopolizaron a meirande parte dos poderes sociais, marxinando ás mulleres ao ámbito do privado e considerándoas como eternas menores de idade, necesitadas de dirección e de control. Fomos utilizadas no transcurrir do tempo como cuidadoras e reproductoras, non tivemos a posibilidade de aparecer en público senón como sombra do home ou do pai, e a nosa labor foi silenciada e minusvalorada. Eternas menores de idade, só nos últimos 30 anos fomos accedendo, a forza de moita loita e moito esforzo, ao espacio público dos iguais, para que a nosa voz, mesmo aínda con interferencias, sexa escoitada e respectada.
Agora ben, o que debe quedar claro é que a violencia machista é un problema social estructural e debe tratarse como unha cuestión de Estado. A cidadanía debe percibir que a sociedade no seu conxunto rechaza categóricamente este terrorismo machista de igual xeito que pechamos filas para condenar o terrorismo político. A lei contra a violencia de xénero aprobada o pasado ano polo Parlamento Español pretende por no centro do espacio público un fenómeno que debería escandalizar a calquera persoa cunha sensibilidade moral e política minimamente razoable. Por iso cremos necesario pedir ao Goberno de España, a todas as Comunidades Autónomas e aos Concellos que se impliquen en campañas de información para previr os casos de violencia contra as mulleres, para que todas aprendan a recoñecelos.
Queremos mostrar especialmente a nosa preocupación ante a posibilidade de que moitas inmigrantes non estean denunciando aos seus agresores por medo a seren expulsadas, malia estar protexidas pola Lei. Moitas destas mulleres non coñecen os seus dereitos . ¿Estanse a realizar programas de intervención específicos para informar e previr ás mulleres inmigrantes contra esta violencia? Cremos que estes programas son absolutamente necesarios, posto que das 54 mulleres mortas este ano, 17 eran estranxeiras e das 72 mortas o pasado, tamén o eran 17 .En canto ás denuncias presentadas este ano en todo o Estado un 27,3% son de estranxeiras, e o pasado ano, as denuncias destas mulleres representaron un 24,7% .
Tamén debémonos preguntar se a Lei contra a violencia de xénero estase a aplicar coa dotación de recursos necesarios en todos os ámbitos que abarca: ¿Son os recursos xudiciais que se puxeron en marcha suficientes? ¿Estase intervindo na formación do profesorado nos centros de ensino para evitar a violencia en xeral e a violencia de xénero en particular? ¿Hai publicidade institucional suficiente para sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre este problema? ¿Denúnciase con contundencia e claridade a publicidade sexista?¿Como se está a intervir na violencia que xenera o exercicio da prostitución?¿Porase en marcha un fondo para paliar os efectos violentos que poden producir as pensións impagadas? Todas estas preguntas necesitan unha resposta clara. Por iso reclamamos á Administración do Estado e ás distintas Comunidades que se realice unha estimación do impacto de aplicación desta Lei .
Agora ben, debemos ser conscientes de que sendo necesaria e urxente a total aplicación da Lei e a inversión dos fondos precisos, tamén é urxente que cambien as mentalidades e as conductas. E para iso necesítase a participación e o compromiso de toda a comunidade.


25 de novembro de 2005
Secretaría da Muller do STEG