Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

  << Portada STEG

<< Portada Muller
Propostas didácticas

Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

Durante todo o ano, os colectivos feministas denunciamos os asasinatos continuos de mulleres e a violencia cotiá que padecemos. Pero é arredor do 25 de Novembro cando os medios de comunicación se fan máis eco desta situación, e a clase política se desfai en promesas. A violencia que padecemos as mulleres, só se visibiliza nos medios de comunicación a través das case cen mortes que se producen cada ano no estado español. Porén, a violencia contra as mulleres articúlase no complexo tramado que forman a linguaxe, a medicina, o saber, a educación, o emprego, a política, o imaxinario colectivo... e exércese a través de calquera acto de control, dominio, explotación, negación... das mulleres e os seus dereitos. Moita xente séntese allea a este gravísimo problema social porque non perciben como violencia socializar de maneira diferente a rapazas e rapaces, explotar á compañeira no fogar, usurpar a representación política e social en organizacións non paritarias, ofrecer nos medios de comunicación unha imaxe ridiculizada e estereotipada, a precariedade laboral, etc.

A violencia contra as mulleres non é cousa dos noventa ou cen homes que cada ano asasinan á súa compañeira, veciña, ex-compañeira..., a violencia é cousa de todos e de todas, cando consentimos, toleramos, miramos para outro lado, silenciamos... calquera situación ou acto violento, por pequeno que sexa.

Recentemente aprobouse a Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, unha Lei necesaria pero non suficiente. É especialmente grave a ausencia do Fondo de Garantía de Pagamento de Pensións Impagadas, que o PSOE incluíra no seu programa electoral e no Proxecto de Lei que presentou ó parlamento, cando gobernaba o PP. A Lei tamén debería garantir os dereitos previstos na mesma. a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero, con independencia da súa situación administrativa no Estado Español.

No Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) consideramos que a violencia contra as mulleres, precisamente porque se exerce desde numerosos ámbitos, require múltiples medidas encamiñadas á súa prevención e erradicación. O asasinato e a violencia cotiás son síntomas dunha sociedade patriarcal. Moitas persoas e axentes sociais estamos comprometidos na transformación da mesma por unha sociedade na que o valor da vida, a solidariedade, a cooperación, o respecto, etc., formen parte da nosa convivencia e da nosa relación coa natureza. Os poderes públicos, que dispoñen de suficientes recursos se tivesen a vontade política, dilúen os seus compromisos tras as vitorias electorais. Iso ocorreu coa Lei Integral, cuxa filosofía se desvirtuou ó incluír, ademais de ás mulleres, a outros colectivos vulnerables como anciáns e nenos.

A reforma da LOCE -a lei educativa do PP tan rexeitada socialmente-, está o PSOE convertíndoa nun debate "para todos e entre todos". Unha agresión máis.
Para previr e erradicar a violencia contra as mulleres, un problema con tan amplas e fundas raíces, hai que crelo profundamente, hai que crelo de verdade, e demostralo con leis, pero tamén con dotacións orzamentarias e políticas coherentes. Non unicamente con boas verbas e bo talante.

ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG
Novembro, 2004