SECRETARIA DA MULLER
NOTAS DE PRENSA

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

25 de novembro : Día internacional Contra a Violencia de Xénero

O día 25 de novembro foi proclamado día Internacional contra a violencia cara as mulleres no primeiro encontro feminista de Latinoamérica para non esquecer o asasinato das irmás Mirabal, tres activistas asasinadas en 1960 a mans do dictador Trujillo, na República Dominicana e denunciar a violencia de todo tipo que sufrimos as mulleres en todos os países do mundo.A ONU deu desde o pasado ano carácter oficial a esta data.

Desde a Secretaría da Muller do STEG queremos unirnos neste día a todas as voces que están a reclamar medidas para acabar coa violencia contra as mulleres. A diario, aparecen nos nosos periódicos agresións e asasinatos, tan frecuentemente que acabamos por insensibilizarnos e por o considerar algo cotiá e inevitábel. Desde a nosa Organización afirmamos que os asasinatos e agresións de mulleres non son algo inevitábel, e que as administracións públicas non están a facer todo o posíbel para combatelas. O Plano de Actuación da Comisión Intersectorial da Muller do Parlamento, aprobado en 1998 inclúe numerosas medidas que NON se están a por en práctica.

Consideramos a aplicación destas medidas como necesaria para previr e atallar situacións moi graves que se están a producir; pero non suficientes como para desterrar da nosa sociedade a violencia de xénero que se basea nunha situación de discriminación das mulleres, e ten un obxectivo claro, o de seguir inferiorizándonos e amedoñándonos para exercer sobre nós o controlo que sustenta o poder patriarcal. É necesario un profundo debate social, un cuestionamento de todas as estructuras que nos esmagan e nos exclúen, tomando medidas concretas para a súa eliminación. É preciso que a coeducación sexa real, implicando a toda a comunidade educativa na transformación  cotiá.

Neste día, as mulleres do STEG queremos reafirmar o noso triple compromiso como feministas, docentes e sindicalistas para seguir traballando contra a discriminación das mulleres e que o 25 de novembro deixe de ser unha data de necesaria reivindicación

                                    Organización de Mulleres da Confederación de STEs

Notas de prensa Secretaría da Muller Portada STEG