SECRETARIA DA MULLER
NOTAS DE PRENSA

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

25 de Novembro “Día internacional contra a violencia cara as mulleres”

            Durante anos as organizacións de mulleres estivemos a denunciar as condicións nas que sobreviven millóns de mulleres no mundo – entre elas as mulleres afganas – privadas do dereito á educación, ao traballo e á saúde, prisioneiras nas súas propias casas. Ante as nosas denuncias todos os países e organizacións internacionais voltaron o lombo e permaneceron calados, lexitimando co seu silencio esta situación de violencia social – patriarcal- extrema.

            Pero nos últimos meses a situación mudou, AGORA moitas olladas voltáronse cara elas, AGORA que o país mais poderoso do mundo se viu ameazado, todas as grandes potencias tamén se unen, esta vez para lexitimar unha guerra que restableza a orde mundial e os dereitos humanos– orde e dereitos que obviaron historicamente ás mulleres -.

            É de sobra coñecido que a guerra, a forza e a violencia en xeral, non contribúen nunca a solucionar conflictos, e resultan  crueis coas mulleres que  son violadas, maltratadas e teñen que criar ás súas fillas e fillos en situacións de pobreza extrema.

            Ante esta guerra que non fai máis que manter e impulsar a inxusta orde patriarcal establecida e dar unha volta de torca máis na espiral de violencia estructural na vivimos, a Secretaría da Muller do STEG esixe:

-         O fin inmediato de todo tipo de violencia contra as mulleres. Que cese o uso interesado que se está a facer da situación das mulleres afganas para xustificar o conflicto bélico.

-         Que se acabe co cinismo internacional, que selecciona as súas “intervencións humanitarias” con criterios mercantilistas

-         Que se adopten as medidas necesarias para paliar as causas que propician boa parte dos conflictos e situacións de violencia, como son a fame, a pobreza e a inxustiza; froito da explotación e da opresión tanto dunhas persoas sobre outras como duns países sobre outros.

Secretaría da Muller do STEG
Notas de prensa Secretaría da Muller Portada STEG