SECRETARIA DA MULLER
ARTIGOS DE OPINIÓN

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

MULLER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN CON VOZ PROPIA

É un sinal dos nosos tempos a preocupación polos dereitos da muller en tódolos ámbitos da sociedade e a incorporación do dereito á propia imaxe como parte destas reivindicacións.

As mulleres -a parte ignorada da historia-  participaron activamente na construcción e mellora das súas respectivas sociedades, non só desde o punto de vista da igualdade entre homes e mulleres, senón da igualdade entre os seres humanos. A historia do feminismo está repleta de individualidades que se adiantaron ós seus contemporáneos  á hora de idear novas estructuras, participaron activamente nos cambios sociais e políticos e, en non poucos casos, deron a súa vida polos cambios nos que crían.

Transformar as actitudes e valores sociais que condicionan a imaxe da muller construída a través da educación, da linguaxe e dos medios de comunicación é unha tarefa prioritaria para conseguir o cambio. Dada a educación sexista de séculos, e a linguaxe que aínda reflicte esa realidade, só en parte superada, é preciso que o cambio teña moi en conta a importancia de fomentar a imaxe da muller acorde co seu novo papel social e unha erradicación dos estereotipos sexistas na educación, a publicidade, a linguaxe e os medios de comunicación.

É deber de todo medio de comunicación favorecer expresamente a creación de modelos sociais baseados na igualdade de responsabilidades entre homes e mulleres, divulgar noticias e datos que axuden a esa creación de modelos, así como a combater os estereotipos sexistas na linguaxe dende a radio, a televisión, a prensa, a literatura ou desde calquera ámbito no que se participa profesional e/ou socialmente.

Todo isto require o protagonismo de mulleres no acceso ás novas tecnoloxías da información e da comunicación e a súa intervención paritaria na toma de decisións como un paso imprescindible para promover as condicións do cambio social. Coa participación activa e consecuente da muller na toma de decisións, será posible conseguir nos medios de comunicación a súa presencia, valoración e respecto.

Laura López Atrio. Vigo

Imprimir este artigo 

Artigos de opinión Portada Secretaria da Muller Portada STEG