|
SECRETARIA
DA MULLER | SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA |
Maternidade a 100 €
A
partir do ano 1975 a natalidade en España descendeu de forma drástica.
Moitos foron os factores que influíron nesta mudanza: a xeneralización
de métodos anticonceptivos, o acceso de máis mulleres ao mundo laboral
e á universidade, a demora na idade para formar parella estábel,
etc. Por outro lado e ao mesmo tempo, tamén influíu neste feito
o fin do desarrollismo económico e mental coa crise mundial de 1973 e a
aparición do fenómeno do paro estructural.
A partir dos anos
90 e sobre todo desde a suba ao goberno dos conservadores a escasa natalidade
considerouse como un problema e comezouse a falar da necesidade de políticas
natalistas. Este é xa o primeiro punto que nos debemos cuestionar. ¿É
realmente un problema o descenso da taxa de natalidade? Os argumentos conservadores
céntranse, para afirmalo, no envellecemento da poboación e nos problemas
que provoca, polo aumento de pensionistas e a falta de man de obra nova para o
soster .Ao meu entender esta é a falacia neoliberal-racista do chamado
primeiro mundo. Para comezar, no aumento do número de pensionistas ten
moito máis que ver a notábel ampliación da esperanza de vida,
pero en todo caso, resulta absurdo falar de que falta xente nova para traballar
con mais de 2 millóns de persoas paradas no país.Ademais, se ollamos
fora das nosas fronteiras, o problema mundial é de superpoboación
e non de perigo de extinción da especie precisamente. Entón, ,cal
é a verdadeira causa desta preocupación?,o medo á invasión
do Sur?
Neste sentido, considero que o descenso da natalidade non é
un problema. É máis, o descenso de certos índices de natalidade
é un indicativo de saúde social e sexual. Aínda que tamén
é certo que un crecemento da poboación negativo pode estar a pór
de manifesto que algo non marcha ben. Está claro que ter descendencia debe
ser unha opción libre das persoas e que cando queiran exercela debe haber
uns recursos sociais dispoñíbeis para o facer nas mellores condicións
posíbeis. Pero esta non é a nosa realidade actual, en plena ebulición
do capitalismo salvaxe onde o paro é de mais do 20%, onde é difícil
compaxinar a vida laboral coa familiar, onde a xeración do baby boom está
a demorar en máis dunha década a decisión de ter descendencia
ou renunciando a iso, non sempre por decisión propia senón tamén
porque non atopa traballo, porque non hai posibilidade de independencia antes
dos 30 anos e porque o pesimismo sobre o futuro é xeneralizado.
Pois
neste contexto, é no que as políticas neoliberais se fixan na maternidade
como suxeito de discurso e obxecto de subvención. E pretenden acender o
"espírito nacional" co de que se necesitan "fillos para
a patria" e xustifican os recortes do Estado de Benestar con míseras
pagas/premio polo servicio. E para iso da conciliación da vida familiar
e laboral póñennos ás mulleres como pedra de choque porque
polo visto a familia é cousa o nosa e o de conciliar xa se sabe que tamén,
e entón se deciden a destacar entre as cidadás a aquelas que traballan
e son nais e ademais recentemente.
Con moito rebumbio anunciou o goberno de
Aznar a reforma do IRPF que incluíu unha suposta paga de 100 para
as mulleres traballadoras con fillos/as menores de 3 anos. E digo suposta, porque
en realidade non é unha paga nin beneficia a todas as mulleres traballadoras
que cumpren estas condicións. O que se establece con esta medida é
un enfraquecemento máis do imposto sobre a renda das persoas físicas,
seguindo a política neoliberal á que este goberno nos ten acostumadas,
desfacéndose dun imposto que pretendía equilibrar as desigualdades
e potenciando os impostos indirectos que, evidentemente, prexudican ás
clases menos podentes. Os famosos 100 non son unha paga, son unha deducción
do imposto sobre a renda e polo tanto serven para que as persoas que máis
pagan, que polo tanto máis teñen, paguen menos a Facenda. Así,
as traballadoras en precario, e as que teñen soldos tan baixos que a súa
cotización anual de IRPF non chega aos 1.200 por cada fillo/a non
se beneficiarán desta medida. Para non comentar xa que moitas mulleres
demandantes de emprego ou amas de casa poden estar en situación de maior
necesidade e con criaturas destas idades.
Se de verdade se quixese apoiar
unha conciliación entre a vida familiar e laboral aumentaríase a
24 semanas o permiso de maternidade co 100% das retribucións, criaríase
un permiso de paternidade acumulábel ao de maternidade no caso de familias
monoparentais, reduciríase o tempo de traballo de mulleres e homes sen
reducción do salario e ademais aumentaríase o número de garderías
públicas e de servicios necesarios para a atención das criaturas,
entre outras medidas similares.
O que é evidente é que calquera
paga lineal sen ter en conta a renda é xa inxusta na súa orixe e
un malgasto de diñeiro público, pero ademais este tipo de políticas
o único que conseguen é potenciar a aparición de garderías
privadas ou que se contrate a unha persoa para axudar en casa, que será
outra muller explotada con traballo en precario e sen seguro, que polo tanto non
cobrará unha axuda como esta aínda que teña fillos/as menores
de tres anos, que estarán coidados pola avoa, porque son as "avoas"
as que en realidade están a soster esta tolemia de sistema e evitan que,
de momento, salte todo en anacos.
Branca Guerreiro
| Artigos de opinión | Portada Secretaria da Muller | Portada STEG |