Os docentes homosexuais
existimos, o alumnado homosexual, tamén
“¿Que cres que causou a túa
heterosexualidade?, ¿a quen lla desvelaches primeiro?,
¿cómo e cando decidiches que eras hetero?, ¿é
posible que todo o que precises sexa un bo amante homosexual?,
¿por que insistes en facer pública a túa
heterosexualidade?, a grande maioría das persoas que
abusan de menores son heteros. ¿realmente consideras
axeitado expoñelos a docentes con esa opción sexual?,
tendo en conta a superpoboación mundial. ¿non
é a heterosexualidade unha ameaza?”.
Estas e outras preguntas forman parte dun
coñecido formulario que circula pola rede, elaborado
por unha parella de mulleres australianas coa pretensión
de crear un xogo de espellos que reflictan algúns dos
interrogantes cheos de prexuízo (moitas veces buscando
unha explicación, cando non unha cura) e que se nos formulan
a diario a lesbianas, gais e bisexuais.
Todas e todos sabemos que o prexuízo
sempre ten a súa orixe na falla de coñecemento,
e nós como educadoras e educadores temos moito que facer
ao respecto.
A escola pecou e peca de non mirar de fronte
a realidade da que forma parte. A transformación social
nestes últimos tempos é vertixinosa, pero óbviase
a cotío dentro das aulas. E moitas veces estamos servindo
de correa de transmisión do “discurso tradicional”
no peor sentido da expresión.
As persoas somos diversas e diversa é
a nosa forma de vida. Non podemos caer no erro de soamente recoñecer
e perpetuar un destes modelos e presentalos como o único
válido.
Debemos facer un exercicio de revisión
dos nosos prexuízos. Coñecer. Reflexionar.
Cómpre deixar de transmitir a sexualidade
dende un punto de vista puramente biolóxico, dende a
perspectiva da reprodución. Porque ademais de negar a
importancia que a sexualidade e a opción sexual de cada
quen teñen no seu desenvolvendo como persoa, estaríamos
a lexitimar que todo o que se aparta da heterosexualidade non
ten razón de ser.
Cómpre decatarse de que a heterosexualidade
ocupa todo o espazo. Debemos construír un espazo novo
na diversidade. Por exemplo, non presupoñendo sempre
a homosexualidade coma unha realidade allea. Como algo que lle
pasa aos demais. Que está fóra dos muros dos nosos
centros. Os docentes homosexuais existimos, o alumnado homosexual,
tamén.
Do mesmo xeito que sempre existiron as familias
homoparentais, por moito que pareza que a vindeira modificación
do código civil que permitirá os matrimonios entre
persoas do mesmo sexo vai supoñer un pistoletazo de saída
para a creación deste modelo familiar.
Nada máis lonxe da realidade. O que
si vai pasar é que estas familias terán, por fin,
recoñecemento e protección por parte do Estado.
Teñámolo claro: a problemática
da homosexualidade non a establece a opción sexual en
si, senón a resposta que a sociedade lle da a todo o
que é diferente.
E nós debemos escoller: serparte do
problema ou da solución.
Beatriz Otero