|
SECRETARIA
DA MULLER |
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA |
FEMINIZACIÓN DA POBREZA
A
discriminación de xénero é unha das principais causas de pobreza, xa que, nas
súas diferentes manifestacións, esta discriminación impide que millóns de
mulleres receban a educación, formación, servizos médicos e coidados infantís
precisos, ao igual que impide obter o status legal necesario para poder escapar
desa mesma pobreza.
A discriminación de xénero existe en todos os países, en todas as economías e en todos os estratos sociais. En
moitos casos prodúcese tamén unha combinación desta discriminación de xénero
con outro tipo de discriminacións, clase, casta ou raza, etc.(1)
Na
súa forma mais xenérica esta discriminación tradúcese nun reparto de
recursos desigual, xa sexa alimentación, formación, información, emprego ou
posibilidade de participación social.A realidade é que dos 1.300 millóns de
persoas que viven en situación de pobreza no mundo mais do 70% son mulleres.
Ademais, as mulleres constitúen dous tercios da poboación analfabeta mundial
(600 millóns) e aínda que soportan unha carga de traballo maior á dos homes,
só un tercio das actividades que realizan son remuneradas, así as mulleres
realizan o 67% das horas traballadas no mundo, mentres gañan tan só o 10% dos
ingresos xerados. Posúen
o 1% das propiedades a nivel mundial e o seu salario é só tres cuartas partes
do masculino. A atención sanitaria que receben as mulleres, especialmente
relacionada coa saúde sexual e reproductiva, é gravemente deficitaria. Ao ano
morren 600.000 mulleres no mundo por causas relacionadas co embarazo e o parto e
cada día practícanse 50.000 abortos en condicións perigosas para as mulleres.
Encanto á participación política, a poboación feminina representa a metade
do electorado e só ocupa un 10% dos escanos dos parlamentos do mundo e un 6%
dos postos nos gabinetes estatais.
A
discriminación de xénero está particularmente estendida nas zonas mais pobres
de Asia, África e América Latina, vai desde a discriminación no acceso a todo
tipo de recursos á violencia sistemática contra as mulleres. En algúns
lugares dáse mesmo un fenómeno que seria cualificado de xenocidio se tivese
como obxecto un grupo étnico: a aniquilación de mulleres.nos países onde os
sexos receben en xeral os mesmos coidados, a proporción entre mulleres e homes
é de 1,06 a 1. Mesmo na África Subsahariana, onde as mulleres están a morrer
de fame, son máis numerosas que os homes nunha proporción de 101 a 100. Unha
poboación mundial con máis homes que mulleres só pode darse intencionalmente.
Na India morren mais mulleres que homes, sendo a proporción, en 1991, de 92
mulleres por cada 100 homes. En Pakistán hai 94 mulleres por cada 100 homes;
pero isto non se debe só á pobreza do país, se non á actitude cara a muller.
En China, o aborto selectivo de nenas ou a súa morte por neglixencia tamén
provocou unha diminución no número de mulleres. Son tantas as mulleres que están
morrendo, que o tradicional 51% da poboación mundial mudou por un 48,3 cada 100
homes.
Ademais,
cada minuto catro mulleres son sometidas á ablación.Segundo Amnistía
Internacional, actualmente viven no mundo 135 millóns de mulleres cos seus
xenitais mutilados. Cada ano sófrena outros dous millóns de nenas máis, o que
significa un ritmo de case 6.000 operacións deste tipo ao día. Esta operación
realízase en 29 países de África e tres de Oriente Próximo, así como en
comunidades de emigrantes en todo o mundo.
A
emigración cara o Norte non mellora a panorama para as mulleres do Sur que
comezan a súa viaxe buscando novas estratexias de vida, pero a súa chegada atópanse
con que teñen que loitar con unha sociedade chea tamén de prexuízos, unha
sociedade que non as recoñece como seres iguais, que as discrimina e as
mercantiliza. Dentro do mercado mundial, son recrutadas como man de obra, pero
tamén e sobre todo, como obxectos sexuais. Desde
os medios de comunicación, tamén se reforzan os prexuízos occidentais: as
mulleres do Sul son presentadas con frecuencia dentro do cliché de prostitutas,
mulleres mercadas, víctimas exóticas e provenientes de mundos subdesenvolvidos
en onde son esmagadas polos seus homes, mulleres con un destino fatal que
emigran para escapar desta situación pero ao chegar ao Norte, non deixan de ser
esmagadas e tras a ilegalidade a que lles aboca a lexislación europea, estas
mulleres son explotadas como prostitutas ou no servizo doméstico, sen ningún
tipo de contrato que permita saír desta situación e atinxir a da legalidade.
En toda Europa móvese unha multinacional da explotación de mulleres do Sur. As
súas ganancias embranquecenas os bancos, as institucións financeiras e as
diferentes bolsas; E as persoas que as manexan non viven na clandestinidade de
non ter papeis. Asúmese con naturalidade o destino destas mulleres sen
cuestionarse nunca o papel da súa clientela e dos donos dos negocios.(2)
O mundo árabe pola súa parte, presenta no tema da discriminación cara
as mulleres, especificidades propias de fundamentalismos relixiosos que se
expresan con forza en determinados países, tendo como paradigma insuperábel o
caso dos talibán en Afganistán, tan de actualidade nestes momentos, aínda que
non precisamente por levar cometendo atrocidades contra as mulleres do seu país
ao longo dos últimos 10 anos. Confinaron ás mulleres nas súas casas, privándoas
non só da liberdade de movimentos, se non que as negaron de tal xeito que
ocultaron os seus corpos e os seus rostros baixo o burka, unha cela de tea, con
pena de azoutes, malleiras e abusos verbais para quen non vista segundo estas
normas. As xanelas das súas casas teñen que ser opacas para que ninguén poida
velas, prohibíronlles ata o riso, pois non debe ser escoitada a súa voz en público,
os seus zapatos non poden facer ruído, non pode haber ningún tipo de imaxe ou
fotografía de mulleres en lugares públicos e ata impuxeron a modificación de
toda a nomenclatura das rúas e prazas onde existía a palabra muller. Por
suposto non poden realizar traballos remunerados, nen asistir á escola,
universidade ou calquera outra institución educativa, practicar deporte ou
reunirse para actividades de carácter recreativo. Non poden saír sen a compaña
dun varón da familia (home, pai, irmán) e nen sequera teñen dereito a
asistencia médica. Para moitas mulleres afganas o suicidio é a única saída a
esta situación.(3)
Poderíamos
seguir enumerando situacións de discriminación ao longo da xeografía mundial,
pero o realmente importante é facerse consciente de que a feminización da
pobreza é un feito constatábel. E que non só é necesario combater este fenómeno
porque afecta á metade da humanidade, se non porque calquera política de
desenvolvemento pasa necesariamente por detectar e desterrar a discriminación
cara as mulleres. Ignorar esta realidade impedirá resolver os problemas económicos
e medioambientais do planeta. Na actualidade as políticas de desenvolvimento
promovidas desde os países do Norte, non teñen en conta a existencia desta
discriminación, polo que en moitos casos provocan un aumento da desigualdade
entre homes e mulleres dentro da comunidade á que van dirixidas, producindo ao
final un desequilibrio que diminúe as posibilidades de que eses programas
poidan resultar efectivos. Isto ocorre así, entre outras cousas, porque a pesar
de que no Norte as mulleres acadamos numerosos dereitos civís no último século,
a discriminación segue existindo, as mulleres como colectivo seguimos sendo
cidadás de segunda categoría e a perspectiva de xénero non está o
suficientemente estendida nas ciencias sociais. Pero se nas economías de
subsistencia son as mulleres as principais provedoras de alimentos, leña e auga
para as súas familias, e sen embargo o seu acceso aos novos recursos
productivos é cada vez menor, entón mais persoas sufrirán fame, malnutrición
e enfermidades. Se ademais, aprenderon métodos agrícolas
sostíbeis e adquiriron amplos coñecementos sobre diversidade xenética
(tal e como millóns de mulleres fixeron ata agora), e a pesar de isto négaselles
a participación nos programas de desenvolvimento, entón todos estes coñecementos
perderanse.
Mellorar
a situación das mulleres é mellorar as perspectivas de toda a humanidade. Para
isto será necesario conseguir que as mulleres aumenten o control sobre os
ingresos e os recursos domésticos, acabar coa visión da muller como individuo
non productivo a pesar dos enormes beneficios económicos e sociais que se
derivan do traballo das mulleres, establecer os dereitos legais necesarios e
aumentar as opcións laborais. Calquera estratexia de desenvolvimento que limite
a capacidade das mulleres para acadar a seu verdadeiro potencial, é tamén unha
estratexia que limita o potencial das comunidades e as nacións ás que vai
dirixida.(1)
Branca Guerreiro
Outubro 2001
(1)
Discriminación de xénero.Un
obstáculo para un desenvolvimento sostíbel. Jodi L.Jacobson.Ed.Bakeaz.Bilbao1995
(2)
Mulleres Imigrantes. Rev.Xénero
e Comunicación.Maio 99.AMECO
(3)
RAWA.Asociación revolucionária
de mulleres de Afganistán.
| Artigos de opinión | Portada Secretaria da Muller | Portada STEG |