SECRETARIA DA MULLER
ARTIGOS DE OPINIÓN

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

25 de novembro: Día mundial contra a violencia cara ás mulleres.

ESTAMOS FARTAS

É verdade que vivimos nunha sociedade violenta. A violencia forma parte das nosas vidas: estructuralmente, porque sostén e perpetua o sistema -venta de armas, narcotráfico, guerras, invasións, espolios...-;e , porque nin sequera percíbemos como violencia o que nos destrúe cada día: condicións laborais, sexismo nas súas diversas formas, información nesgada e interesada, etc.
Das múltiples formas de violencia que padecemos as mulleres neste sistema androcéntrico e sexista -anuncios, contratos precarios, falta de paridade, tráfico de mulleres, empobrecemento, prostitución, etc.- hai unha, tan extrema e visible, que xa a imos percibindo como unha forma específica de violencia contra as mulleres: o asasinato.
Alomenos avanzamos niso. A violencia física contra as mulleres -o maltrato e o asasinato-, vaise percibindo pola sociedade como algo inadmisíbel e inxustificábel. Pero pouco máis.
Estamos fartas. Fartas de que miles de mulleres sexan maltratadas cada ano polos seus compañeiros. Estamos fartas de que as mulleres sexan asasinadas. Porque é así, tan dramático como realista, e só ollando de fronte o problema, poderemos tentar solucionalo.
Estamos fartas de saír á rúa de pedindo unha lei integral contra a violencia, de expor a necesidade dun modelo coeducativo como forma de prevención da violencia, sen que se nos escoite. Estamos fartas de que os políticos saian ao paso dos asasinatos de mulleres, con meras declaracións que só perseguen a rendabilidade política e que ao día seguinte non fagan nin deixen facer nos parlamentos.
Estamos fartas de tanta violencia cotiá. É fundamental que as mulleres, e tamén os homes, percibamos como violencia todo aquilo que nos agride cada día, que non respecta os nosos dereitos e a nosa libertade. É necesario que transgridamos, interna e externamente, a orde establecida: non é peor estar soa que con un maltratador, non é peor mostrar a debilidade e os sentimentos que exercer a forza destructiva para manter o esquema dominio-submisión que caracteriza a maioría das relacións entre homes e mulleres.
As mulleres, tradicionalmente, estamos vencelladas á vida: á súa reproducción e ao seu coidado; non por esencia, se non porque esa foi a nosa historia.
A vida é un valor e un dereito. A nosa vida é moito máis. As 84 mulleres asasinadas no que vai de ano tiñan unha vida, ilusións, expectativas, que foron destruídas sen sentido pola violencia machista.
Non se pode consentir nen un día máis, por iso na súa prevención e erradicación estamos implicados todos e todas: os axentes sociais e a clase política máis; porque, de seguir así, sen os recursos necesarios e as medidas políticas oportunas, moitas morreremos, con sorte de vellas, denunciando cada 25 de novembro a inhumana violencia contra as mulleres.
As persoas ensinantes podemos desempeñar un papel importante na prevención da violencia. A socialización diferente de chicas e chicos, mediante o currículum oculto, a través da valorización do masculino e a percepción como nomal, ou "cousas de rapaces", das conductas irrespetuosas, vexatorias e discriminadoras cara as rapazas, perpetúa a relación xerárquica entre rapaces e rapazas e o esquema dominio-submisión. Esta aprendizaxe, unida ao pobre desenvolvemento emocional dos rapaces- a expresión dos seus sentimentos segue a ser sancionada como pouco masculina-, condúcelles a vivir aos diferentes como inferiores ou como unha ameaza, de aí os seus comportamentos agresivos coas rapazas, cos rapaces "pouco masculinos", ou con calquera que sexa diferente.
A coeducación é unha ferramenta global e valiosa para dar resposta a este problema. Porque parte de que o sistema escolar non é neutro, senón que reproduce o sexismo e o androcentrismo da nosa sociedade, e por isto o cuestiona; visibiliza e valora a contribución das mulleres á historia e á cultura; revisa a linguaxe, que pretendidadmente nomea ao colectivo humano con termos masculinos; e promove o desenvolvimento integral das persoas, sen estereotipos nin roles que nos empobrecen e limitan.


SECRETARÍA DA MULLER DO STEG

Imprimir este artigo 

Artigos de opiniónPortada Secretaria da MullerPortada STEG