Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

  << Portada STEG

<< Portada Muller
...EN MEMORIA

O vindeiro 14 de maio lembraremos, aínda ao noso pesar, que hai un ano, no concello ourensán d’O Carballiño, agochado entre os desperdicios dun camión de lixo, atoparon o corpo sen vida de Erika, unha nena de tres anos, vítima da violencia.

Coma ela, outras nenas e mulleres foron e están a ser agredidas e mesmo mortas porque pretenden abrirse camiño en pé de igualdade cos homes da súa idade no mundo das relacións humanas: mesmos lugares de diversión, mesmo xeito de acceder a eles, mesma hora de saída e entrada na casa, mesmo xeito de acicalarse, ... Pero son diferentes: son mulleres.

Ser muller aínda é difícil. Aos ollos desta nosa sociedade, tan tecnoloxicamente avanzada e, ao mesmo tempo, tan asentada en arcaicos costumes, a valoración non é a mesma: mírase con lupa ás mulleres para ver de atopar o erro no seu comportamento social e político, para ver se a súa imaxe induce á provocación, para comparar se a súa forza física e moral están á altura das circunstancias masculinas. Porque esta forma de violencia non só é unha autoafirmación da prepotencia do varón sobre a muller, senón que anula un dereito inherente á condición humana: A VIDA. E, o que é máis grave, estes actos exércense sobre as nenas, seres que aínda están por formar.

¿Que estamos a facer mal para que criaturas indefensas sigan a sufrir tales vexacións a mans de persoas adultas, diante dos nosos ollos? ¿Será que non somos quen de educar ás nosas crianzas e temos que castigalas na súa madurez? ¿Está a sociedade tan pouco educada que é capaz de ignorar as inxustizas que algúns políticos exercen sobre as mulleres só porque están no poder? ¿Que máis ten de pasar para que desde as Administracións Públicas se tomen as medidas lexislativas necesarias que dean protección ás nosas nenas e mulleres?

O conxunto da sociedade segue a fallar. Se non fose así, a tortura e morte de Erika, e das nenas de Alcaser, a recente violación de dúas mozas na provincia de Ourense e de outras moitas nenas e mulleres non se terían consumado. Ou ben a agresión á nena de Toques xa tería recibido o castigo político e social que merece quen, impunemente, se pasea polas rúas despois de semellante afronta.

Erika, por ti, por todas as criaturas e mulleres que seguen a padecer as consecuencias da inconsciencia, da ambición, da incultura, da prepotencia e da deixadez dunha sociedade que, lonxe de deixarvos un mundo mellor, deixa o mesmo ou un peor que o que ti atopaches.

Non podemos nin debemos esquecer nunca que as nosas crianzas dependen de nós, mais, algún día, nós dependeremos delas.


Concha López
Mestra de E.P.