SECRETARIA DA MULLER
ARTIGOS DE OPINIÓN

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

En feminino, outro mundo é posíbel

Durante este ano fixéronse máis presentes as nefastas consecuencias do que chamamos a globalización neoliberal e a súa manifestación máis dolorosa, as guerras. Cada vez máis as decisións económicas e políticas pasan as raias dos estados e concéntranse en mans duns poucos (Banco Mundial, Organización Mundial do Comércio, F.M.I...) que queren converter o noso mundo nunha mercadoría.

Medraron as inxustizas e as desigualdades, abriuse máis a fenda entre o Norte e o Sur, entre os ricos e os pobres. E abriuse tamén mais a fenda de xénero, porque unha vez máis somos as mulleres as que estamos a sufrir máis directamente as consecuencias da globalización neoliberal.

Os conflictos armados, que cada vez máis afectan á poboación civil (o 90% das mortes nas guerras son poboación civil) van sempre acompañados da violencia específica exercitada sobre as mulleres, durante e despois do conflicto. As mulleres son as primeiras víctimas da guerra, víctimas da violencia, utilizadas como botín de guerra, reducidas ao estatus de refuxiadas.

As mulleres do Sul sufriron un forte deterioro nas súas condicións de vida, afectadas polas consecuencias sociais negativas da crecente débeda externa e das políticas de estabilización económica e axuste estructural. Son as que sofren máis directamente a destrucción dos recursos naturais, que afecta ás súas formas de vida tradicionais.

As mulleres do Norte sufrimos a política neoliberal de reducción de orzamentos en servizos públicos e privatizacións, que supón un retroceso nos nosos dereitos sociais e laborais. Coa desaparición do estado do benestar, moitas conquistas sociais que permitían a incorporación ao traballo e a vida pública en condicións máis igualitarias, están a desaparecer.

No Norte e no Sul, cada vez as mulleres son máis protagonistas das migracións contemporáneas. A feminización dos fluxos migratorios non é se non un reflexo da feminización da pobreza.

No Norte e no Sul as mulleres seguimos realizando todo o traballo doméstico, ese traballo que é necesario para que o sistema se sosteña, e que realizamos de forma gratuíta, sen que se contabilice en ningunha economía nacional.

O retroceso crecente da escolarización afecta fundamentalmente ás nenas, quen sofren en maior medida a exclusión da seu dereito á educación e á capacitación en traballos non tradicionais, chave para o seu desenvolvemento económico e persoal.

En definitiva, as políticas neoliberais están a reforzar o sistema sexista, excluínte e patriarcal no que vivimos, incrementando a pobreza e aumentando todas as formas de violencia contra as mulleres.

Desde a Secretaría da Muller do STEG sabemos que esta situación póde e débese mudar. Queremos unir a nosa voz coa do movemento antiglobalización, porque pensamos que outro mundo é posíbel e outra educación tamén. Pero para que ese outro mundo sexa realidade é necesario afirmar o negado, o escindido, o infravalorado desde este mundo capitalista e patriarcal. O feminino, ese conxunto de características que conforman un arquetipo segundo o cal se nos educou ás mulleres, que foi invisibilizado e desprezado durante séculos, resulta imprescindíbel para a construcción dun mundo mais xusto. É necesario valorar rasgos como a empatía, a sensibilidade, o agarimo, a solidariedade, a resolución non violenta de conflictos, a educación sentimental...para saír do sistema competitivo e devastador no que nos atopamos. Atrevernos a reivindicar o empobrecido, o marxinado, é a única vía para transformar realmente a sociedade na que vivimos. Destruír o patriarcado, como sistema que xustifica a dominación dun sexo sobre outro e que alberga todos os demais tipos de xerarquización e dominación, é a noso obxectivo para a consecución dunha verdadeira transformación social.

Neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, queremos lembrar as experiencias de mulleres que viven ou viviron situacións de conflictos bélicos. Mulleres que, víctimas de todo tipo de violencias, se unen para crear redes de supervivencia e apoio para reconstruír paso a paso, día a día, a súa casa, a súa aldea, o seu país...Experiencias que falan do cotiá, das necesidades básicas, das relacións humanas por riba dos intereses políticos e económicos, experiencias que piden a berros a paz e a xustiza social, experiencias que nos demostran que EN FEMININO, OUTRO MUNDO É POSÍBEL.

Imprimir este artigo 

8 de marzo Portada Secretaria da Muller Portada STEG