|
SECRETARIA
DA MULLER |
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA |
ECOFEMINISMO
En
1974 Françoise D’Eaubonne en Le Féminisme
ou la mort utiliza por primeira vez o termo Ecofeminismo.
Desde este momento a historia do Ecofeminismo estivo marcada pola tensión
creativa entre activistas e teóricas. Nos
anos 80, o movimento ecofeminista adquire presenza a través de accións políticas
concretas en Europa e Estados Unidos, iniciativas de mulleres sobre armas
nucleares, pesticidas, enxeñeria xenética, conservación da auga e os bosques,
aditivos canceríxenos nos alimentos, etc. Son accións directas, non violentas,
incardinadas no movimento pacifista e ecoloxista e nas que se avoga por unhas
relacións sociais pacíficas, por un sistema de vida de desenvolvimento sustentábel
e non explotador.
Ao
mesmo tempo, os movimentos de mulleres rurais nos países do Sul, demostraron
que nas relacións tradicionais das mulleres co medio ambiente hai prácticas e
pontos de vista que poden ser fundamentais para definir alternativas. Ímonos
deter no emblemático caso do Movimento Chipko na India: esas mulleres que
abrazadas ás árbores, para impedir que fosen taladas polas industrias
madeireiras, freaban un desastre ecolóxico que antes de nada afectaba
directamente á subsistencia das súas familias, deron unha nova dimensión ás
prácticas ecofeministas. A intervención das mulleres do movimento Chipko,
iniciado a principios dos anos 70, ten varios riscos destacábeis: en primeiro
lugar, a súa protesta contra a explotación comercial dos bosques do Himalaya
non foi só unha loita conxunta cos homes da súa propia comunidade contra os
contratistas forasteiros, se non á vez un enfrontamento cos varóns da aldea a
causa das diferenzas de prioridades no uso dos recursos. Repetidamente, as
mulleres optaron de modo claro por salvar o bosque, fonte de enerxía e
alimentos para os seus lares fronte a proxectos de desenvolvimento con ganancias
a corto prazo, pero altos custes ecolóxicos. Mentres os homes apoiaban os
proxectos que supuñan ingresos en efectivo, as mulleres protestaban porque eses
proxectos significaban mais quilómetros nos seus traxectos de recollida de leña,
ademais de que non estaban moi seguras de que o diñeiro adicional que poderían
cobrar os seus homes fose a beneficialas a elas e ás súas fillas e fillos.
Isto levou a que o movimento empezase a loitar tamén contra as desigualdades de
xénero na súa sociedade, evidenciadas a través das loitas ecoloxistas. Elas
conseguiron regulamentar a extracción de bens forestais e instituír a
replantación como un compoñente significativo do movimento, aínda que de novo
na elección das árbores non sempre cadran cos varóns: elas prefiren árbores
que dean leña e outros bens para satisfacer as súas necesidades diarias,
mentres que eles prefiren os que teñan un aproveitamento comercial. Unha vez
mais, a responsabilidade de xénero na subsistencia familiar empurra a loitar
contra as ameazas que pesan sobre os recursos que permiten satisfacer as
necesidades da familia. Por último, este movimento leva implícita unha
comprensión holística do medio ambiente e do bosque. Elas saben, pola súa
experiencia, que os bosques non poden reducirse a árbores e as árbores a
madeira de uso comercial, que a vexetación, o chan e a auga forman parte dun
ecosistema complexo e interrelacionado.Esta comprensión da interdependencia
entre os distintos compoñentes materiais da natureza e entre natureza e
sustento humano é básica para desenvolver unha estratexia de protección e
rexeneración ambiental sustentábel a nivel mundial.
Sobre
a riqueza de esta e outras experiencias, o ecofeminismo apresenta senos, a nivel
teórico, como unha reacción ante a falta de integración da perspectiva de xénero
na corrente principal do ecoloxismo por unha parte, e a falta dunha resposta
adecuada á crise ecolóxica desde o feminismo por outra. Partindo da tese de
que existe unha relación entre a dominación e explotación das mulleres polos
homes e a dominación e explotación da natureza polos humanos, preténdese unha
integración dos principios feministas e ecolóxicos. O ecofeminismo percebe o vínculo
entre a dominación da muller e da natureza como
ideolóxico, como algo que arraigado nun sistema de ideas e representacións,
valores e crenzas, coloca tanto á muller como ao mundo natural nunha situación
xerárquica inferior á do varón. A muller é percibida como máis achegada á
natureza e nesa medida susceptíbel de ser explotada do mesmo modo. A lóxica da
superioridade que fundamenta todas as opresións duns grupos humanos sobre
outros e que ademais nos está a levar á destrucción do planeta.
Partindo
deste ponto común atopámonos que a diversidade e a confrontación dentro do
ecofeminismo é enorme, xa que ademais de herdar toda a tensión existente tanto
dentro do feminismo como do ecoloxismo, na propia confluencia dos dous
movimentos xorden múltiples voces que entoan melodías diferentes e mesmo
contrapostas. Esta diversidade, lonxe de ser un problema debe entenderse como
algo positivo. A mesma natureza apréndenos que a diversidade é un presuposto
imprescindíbel de saúde e vitalidade, mentres que a uniformidade supón un
indicio de destrucción. Así, o ecofeminismo supón unha apertura a un campo de
posibilidades e conceptualizacións desde o que a historia, a ciencia, o
desenvolvimento económico, a técnica, a modernidade e o pensamento racional,
se someten a exame. O modelo occidental dominante faise obxecto dunha crítica
global contrastándoo coa validez de outras tradicións, culturas e prácticas
para a resolución da crise ecolóxica mundial.
Simplificando, tentaremos enumerar as reivindicacións básicas do
ecofeminismo que serían as seguintes:
ð
A teoría e a práctica feministas teñen que incluír unha perspectiva
ecolóxica así como as solucións aos problemas ecolóxicos deben incluír unha
perspectiva feminista.
ð
Hai importantes pontos en común entre a represión da natureza e a
represión das mulleres, polo tanto hai que entender o carácter desta relación,
para desde aquí relacionar todas as forma de opresión, xa que sempre se
produce unha naturalización e feminización
do explotado.
ð
Rexeitamento do dualismo e das dicotomías presentes no pensamento
occidental en xeral, e en particular a oposición entre natureza e cultura que
atravesou algunhas correntes do feminismo. Desde aquí cuestionan o paradigma do
racionalismo moderno e propugnan unha revisión do concepto de natureza. Preténdese
unha reconceptualización tanto do humano como do natural tentando non caer nen
no mecanicismo nen no instrumentalismo. Para isto é necesario un recoñecemento
das cualidades humanas excluídas, escindidas, negadas e unha certa continuidade
co mundo natural.
ð
Unha crítica do academicismo en xeral e dentro do feminismo en
particular, onde consideran que ocasionou a marxinación de correntes radicais.
ð
Reivindícase unha nova epistemoloxía e metodoloxía que parta do recoñecemento
explícito da parcialidade de toda investigación. Se avoga por unha ciencia
diferente, na que a responsabilidade e a sensibilidade deben ser piares
fundamentais.
ð
A nivel ético dáselle importancia a valores tais como o coidado, o
amor, a amizade e non só a dereitos e utilidades.
ð
Insístese na necesidade de atender ás diferenzas, de non asumir a voz
unitaria da tradición occidental dos privilexiados e das mulleres do primeiro
mundo.
O interese da proposta teórica ecofeminista radica en pór o énfase nos
marcos conceptuais opresivos que responden a unha lóxica de dominación, e na
necesidade de establecer conexións históricas, simbólicas e teóricas entre a
dominación das mulleres e a dominación da natureza e a súa extensión ás
demais dominacións existentes. De aí séguese un ecofeminismo que insiste nas
condicións mínimas dunha ética feminista e medioambiental: antisexista,
antirracista, e anticlasista.
Certo
é que co ecofeminismo reaparecen o esencialismo, o misticismo, o espiritualismo
e o irracionalismo nalgunhas correntes, pero tamén supón un toque de atención
á esclerotización dos movimentos sociais en xeral e do feminismo e o
ecoloxismo en particular. Hai moitos discursos no seo do ecofeminismo, moitos
dos cales non nos resultarán convincentes nen atractivos; Sen embargo, a
evidencia de que a lóxica da dominación se sustenta na construcción de
xerarquías sobre as diferencias, seguindo un continuo de destrucción desde o
humano ata a natureza, abre a porta a unha nova forma de entender teórica e prácticamente
a loita pola pervivencia do planeta no seu conxunto.
Branca Guerreiro
Bibliografía
utilizada:
Agra
Romeiro MªXosé (Compiladora): Ecoloxia e Feminismo. Ed.Comares.Granada 1997
Holland-Cunz,
Bárbara: Ecofeminismos. Ed.Cátedra.Madrid 1996
Míes,
María e Shiva, Vandana: La praxis del ecofeminismo. Ed.Icaria.Barcelona
1998
Revista
Mientras Tanto nº 65.: Muller e ecoloxía: unha relación contra
natura?. Primavera de 1996
| Artigos de opinión | Portada Secretaria da Muller | Portada STEG |