|
SECRETARIA
DA MULLER |
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA |
Creamos valores, esiximos dereitos
Durante séculos as mulleres fomos invisibilizadas,
negousenos a participación na vida social e política e fomos recluídas no ámbito
do privado. Isto non só tivo consecuencias individuais para cada unha de nós,
senón que repercutiu en toda a construcción da nosa sociedade actual. A
cultura feminina, a historia e as vivencias de tantas mulleres apegadas á vida
e ao cotiá foi silenciada e menosprezada, empurrándonos cara á homoxeneización
de toda a humanidade con ese arquetipo viril de varón, branco, occidental e de
clase media. Na nosa educación como mulleres hai algúns aspectos tremendamente
positivos que se están a perder na educación das novas xeracións, a negación
do feminino está en marcha, a sociedade só nos vai admitindo a medida que nos
asimilamos ao modelo masculino dominante, que non está a ser cuestionado en
ningún caso. Mesmo na escola actual, non existe un verdadeiro modelo
coeducativo, na escola mixta preténdese só tratar a nenas e nenos por igual, o
que presenta principalmente tres problemas: 1- Nenas e nenos non son
socializados do mesmo xeito, chegan a escola cuns roles interiorizados, e se non
intervimos aínda os reforzamos. 2- O androcentrismo impregna toda a nosa
sociedade, de tal xeito que aparece no Centro a través do currículum oculto
e, de non fomentar unha actitude crítica dominará a nosa práctica docente. 3-
Queremos educar a nenas e nenos por igual, mais ¿iguais a quen? asumimos o
modelo masculino dominante e privamos a nenos e nenas dunha serie de valores
asociados á educación feminina que estamos a esquecer.
A tradición que practicamos as mulleres,
proporciónanos a sensibilidade, a empatía, a capacidade de acceder a unha
resolución non violenta dos conflictos, de rexírmonos por unha ética
relacional... As mulleres temos un interese particular pola xustiza, o diálogo,
a dimensión ética da vida pública, consciencia do valor do consenso, sentido
da solidariedade social e maior preocupación polas persoas que nos han suceder.
Non reivindicamos ser as únicas posuidoras destes trazos,
ben ao contrario, queremos que toda a sociedade se impregne destas
características e que homes e mulleres podamos construírnos adoptando os
valores positivos dunha e doutra cultura. Se así fose, habería máis
solidariedade respectando as diferencias, e maior sensibilización en torno a
cuestións sociais relacionadas coa calidade de vida.
Máis cómpre recoñecérmonos, e que nos recoñezan, como
valiosas para conseguir aportar todo isto á nosa sociedade. Dignificar esta
cultura e situarnos en pé de igualdade, esíxenos seguir a reclamar dereitos
que nos pertencen. Só unha mínima parte das mulleres do planeta disfrutamos da
consecución de dereitos formais igualitarios. O 70% das persoas pobres e os 2/3
das analfabetas son mulleres, que sofren todo tipo de violencia e non só en
tempos de guerra, senón a cotío e en todos os continentes, víctimas de
violacións, amputación xenitais, obrigadas a ocultar o seu corpo ou a espilo e
vendelo. E aquí, na Europa Occidental, onde levamos percorrido un longo camiño
desde a consecución do voto, aínda queda moito por facer, o número de víctimas
da violencia de xénero non deixa lugar a dúbidas: queda moito traballo para
que os dereitos formais sexan reais. Desde a posición de mulleres do "primeiro"
mundo, con carreira universitaria e traballo asalariado (entre as privilexiadas)
podemos e debemos seguir esixindo dereitos:
Dereito a camiñar polas rúas tranquilas
Dereito a desenvolver a nosa vida profesional sen nos sentir culpábeis
Dereito a decidir cómo e cándo queremos vivir a maternidade
Dereito a vivir a nosa sexualidade libremente
Dereito a non ser doces, submisas, serviciais
Dereito a cobrar o mesmo salario polo mesmo traballo
Dereito a non ser víctimas da violencia de xénero
Dereito a non ser perfectas
Dereito a non sufrir acoso sexual
Dereito a........................................
| Artigos de opinión | Portada Secretaria da Muller | Portada STEG |