Na complexidade de saber
As mulleres trans traemos un senfín
de definicións e vivencias singulares. Somos nós,
as mulleres trans, dentro da diversidade de ethos, partícipes
da deconstrución do binomio sexo/xénero, do establecemento
do contínuum muller-home, no que as nosas manifestacións,
as nosas existencias interrogan aqueles conceptos que outrora
foran deseñados e axiomatizados, como intento de derrube
deste marco castrante e aniquilador da autodefinición,
de vivir cadaquén con liberdade o desenvolvemento da
propia identidade.
As mulleres trans somos parte da sociedade
na que estamos circunscritas. Os nosos procesos son verdadeiros
instrumentos para avaliar a salubridade da nosa sociedade, deixo
tan só unha nota que na anamnese inicial, a nosa sociedade
ten síntomas claramente asociais. Unhas traen con elas
modelos e responden a paradigmas máis conservadores e
repetitivos do status quo social, outras xurdimos con anceio
e vocación de mudar, apostando por un outro mundo que
con certeza ten que ser peiteado e entretecido no feminismo.
Somos parte desa revolución iniciada
xa antes, e que aínda fica pendente.
E non é unha pose, un ficar ben, sabemos
en carne propia o tratamento diferenciado que nós recebemos
durante e posteriormente ao proceso, onde se nos foi tentando
ignorar, na aparencia de home á existencia como muller.
Estivemos nun primeiro vagón no comboio da sociedade,
“pasamos” ou fóronnos illando, outras veces
empurrando, a un segundo vagón e, dependendo en que momentos,
coidamos que estivemos ou estamos no da cola. Somos conscientes
de ter camiñado.
Moitas veces lembro como experiencia significativa
e significante pasar de ser condutor a ser condutora, como a
percepción que o tratamento que recibía era como
se perdese condicións e cualidades que antes posuía.
Que dicir no mundo laboral, no quefacer político, onde
os nosos traballos, as nosas praxes militantes, para termos
o mesmo valor que antes tiñamos fai falta agora un dobre
esforzo!
O noso camiño de reconstrución
do presente arrinca do desexo, dese desexo que antes foi amedoñado,
calado, silenciado, agochado, e que agroma coa forza dunha seiva,
de folgos necesarios, para con forza precisa e constante, reconquistar
e autodefinir a propia existencia. É un camiño
de autoquerenza, de empoderamento, de benquerenza capaz de pór
en consonancia o ser co existir muller. O enfrontamento social
é froito do test da vida real, e mercé ao guiño
das persoas queridas e amadas do colchón afectivo.
E doe, doe chegar, respirar, remozar os pulmóns,
logo de dondear os nosos corpos, de declarar a nosa soberanía
particular, de afirmar o paso no chan que camiñamos,
logo de ter apreixado o que és e xa existes, para percibir
e vivenciar que segue a estar vixente o que tempo atrás
unha amiga me comentou, “as mulleres vivimos nun estado
de sitio e, ás veces, con toque de queda”.
Somos todas, cada unha de nós, as nosas
entidades e colectivos, e os compañeiros que comprenden
e comparten o noso empoderamento, e os Grupos LGBT no que algunhas
estamos alineadas, e as mulleres inmigrantes, as que levan sinais
das duplas e triplas discriminacións, somos todas desde
a consciencia da nosa militancia que urxe, e non hai tempo que
perder, un outro mundo, que afirmo e persevero que si é
posíbel.
Laura Bugallo