|
SECRETARIA
DA MULLER | SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA |
A NENA DE BAGDAD
A
nena de Bagdad abre os ollos no medio da noite. Algo -denso, inquietante- impídelle
conciliar o sono; é un pesadelo demoníaco que a fai tornar á
vixilia: ía polo angosto labirinto dunha cidade asediada pola morte, vendo
o resplandor dos mísiles, ouvindo os impactos das bombas sobre os edificios
desolados que caían como torres de area, rodeada de cascotes e esqueletos
de casas como espectros, avanzando polo inferno dos corpos ríxidos, entre
a indolencia dos obxectos, sentindo o estertor dos feridos, as maldicións
dos moribundos, o negro Apocalipse da nada. A cidade era un inmenso hospital,
un cemiterio polo que ía inerme, sen ninguén que acudise no seu
auxilio ou escoitase as súas inútiles queixas: era unha morta máis
entre os mortos. Entón acordou, lívida, insomne, no pesadelo do
real, na incerteza do entresono...
A nena de Bagdad ten os ollos grandes como
dúas lámpadas votivas que se ollaron nos espellos cegos do Tigris
e do Eufrates, os ríos sagrados da antiga Babilonia que moi pronto serán
ríos de sangue. Dixéronlle que alá estivo o paraíso,
e que o lugar era Mesopotamia. Faláronlle de Lilith, un enigma, contáronlle
os prodixios de Isthar, a deusa de quen o fulgor permanece nos alfanxes e nas
cimitarras e nas mesquitas que aínda arrecenden a incenso. Faláronlle
das vastas epopeas e do grande Gilgamesh, o heroe mítico que se invoca
nos libros sen tempo. Soñou coas Mil e Unha Noites e ela pronuncia con
fervor o seu nome: Quitab alif laila ua laila. Está orgullosa do seu pobo.
Sabe que non pode morrer o que é eterno, sabe que nada sabe do futuro,
e vive no naufraxio do presente. ¿Que pensan os adultos dos nenos? ¿Pensan
quizais que os nenos non pensan? ¿Crense máis perfectos que os deuses
ou máis sabios que Aláh? As súas mans tremen, mentres aperta
unha boneca rota, igual que se abrazase a vida sobre as ruínas dun antigo
templo. Está confusa, moi confusa, e soa, nun cuarto do universo, nun recuncho
recóndito do cosmos, como moitas outras nenas de Irak, como outras nenas
de Estados Unidos, como outros moitos nenos do mundo. Haberá algún
que non se sinta só? ¿Por que non lles preguntan aos nenos sobre
as guerras en vez de á ONU? ¿Que se lles aprenderá nas escolas?
Poderán amar a paz vendo a guerra? Na televisión viu cousas terríbeis,
ouvíunas abominábeis, viu aos seus amigos mutilados, viu violacións
e matanzas, viu o desamor dos prostíbulos, viu o que non quería
ver, as tendas saqueadas pola fame, viu as escolas destruídas e a desolación
dos pupitres, as casas convertidas en cinzas, as rúas enterradas baixo
o po, os muros derribados sobre a lama, o lume miserábel da xenreira, a
desvergoña dos poderosos, e todo lle semella abominábel. Está
confusa e, máis que nada, triste. Nada entende do que a arrodea. Non entende
as razóns que esgrimen os que sempre se cargan de razóns. Os homes
tiráronlle a ledicia e xa non pode sorrir como antes, cando era simplemente
unha nena como todas as nenas deste mundo.
A nena de Bagdad é tan fermosa
que semella quitada dun conto: os seus ollos son dous astros de acibeche, os seus
beizos son máis doces que os dátiles, o seu cabelo é unha
noite sen estrelas, a súa fronte é unha praza con pombas, os seus
brazos son as asas da alborada, as súas pálpebras acenden os solpores,
as súas palabras son mel dos desertos, o seu silencio é máis
belo que a música, a súa pele é unha rosa de alabastro, o
seu rostro é un espello da lúa, o seu pescozo é como unha
ánfora de seda, as súas mans son dúas cuncas de auga fresca,
o seu sorriso é un sol ao mediodía, o súa risa evoca o canto
dos paxaros, o seu pranto é como un mar que nos conmove, a súa ollada
lembra aos oasis, os seus dedos inventaron os laúdes, o seu corpo é
un poema inacabado que escrebe a beleza a cada instante, a súa alma é
mais fermosa que a Terra que os homes pretender destruír, envilecidos pola
forza bruta, toleados polo negro ouro da cobiza que non coñece limites,
e o mal que se apoderou das súas almas. Quizais mañá xa non
exista o mundo. Quizais se chame uranio empobrecido. Quizais se chame cancro ou
leucemia. Quizais haxa outro Hiroshima ou Nagasaki. Quizais mañá
xa non acorde. Nunca saíra a súa foto nos periódicos. Ninguén
saberá que existe ou existiu. Ninguén dirá o seu nome mentres
soña. Nin Fátima, nin Myriam, nin Zulema: un anxo coas asas repregadas.
Síntese a mais soa das nenas. Ademais ten fame: fame de paz, fame de amor
e fame de xustiza, fame de liberdade que non se sacia, e sede de luz neste mundo
cego. Agora está engruñada no seu cuarto. Non se atreve a asomarse
á xanela para ollar a noite ou as estrelas, pois sabe que en lugar de ver
os astros verá só o fulgor dos mísiles e en lugar da lúa
sarracena que noutrora podía ver desde a súa cama, verá unha
inmensa pinga de sangue a punto de cubrir todo o planeta.
A nena de Bagdad
chora en silencio abrazada á boneca rota da vida, mentres sinte o impacto
das bombas sobre as rúas e sobre os seus soños. Sen saber que, a
miles de quilómetros, uns seres con aparencia humana, sentados nas súas
poltronas de coiro, co seu eterno sorriso entre os beizos, deron a orde de que
comece o xenocidio do pobo iraquí.
A nena de Bagdad abre os ollos no
medio da noite e, como un símbolo da dor de todo o universo, axeonllada
ante o altar do mundo, sen poder comprender tanta tolemia, péchaos para
non ver á morte a cabalo do odio e da guerra.
ANTONIO CASARES
| Artigos de opinión | Portada Secretaria da Muller | Portada STEG |