Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

  << Portada STEG

<< Portada Muller

A voltas coa coeducación

Desde que se implantou a Lei Xeral de Educación en 1970 e temos unha escola mixta, xeneralizouse a crenza de que o ensino xa era igual para alumnos e para alumnas: as mesmas materias, o mesmo profesorado, as mesmas aulas. Tamén hoxe a maioría do profesorado está convencido de que trata igual uns e outras. É isto coeducar?.

A Coeducación non é un fin en si mesma senón que é un dos medios para chegar a unha sociedade máis igualitaria, máis xusta. Pero despois de tantos anos e de varias reformas vai resultar que seguimos impartindo clase en escolas mixtas pero non coeducadoras. O sistema escolar avanzou en dotarnos dunha igualdade formal (os mesmos plans de estudo para alumnos e alumnas, o mesmo tipo de avaliacións, o mesmo espazo...) pero seguimos transmitindo un modelo sexista na escola:

  • Os libros de texto seguen carecendo de referentes femininos (escaso ou nulo número de mulleres nos manuais de ciencias, historia, filosofía, literatura...)
  • A linguaxe utilizada nos centros escolares segue sendo discriminatoria e sexista (sala de profesores, claustro de profesores, reunións cos titores, convocatoria da asociación de pais....)
  • Aínda que o ensino é un sector feminizado os órganos de goberno dos centros escolares están maioritariamente en mans dos homes.
  • Seguimos a reproducir estereotipos de xénero nas aulas, tanto na relación que mantemos co alumnado (distinta forma de dirixirnos a eles ou a elas; chamadas de atención, etc) como nos modelos que transmitimos (o profesor de matemáticas, a profesora de historia).
    Algunhas das carencias do sistema escolar poderían solucionarse coa vontade da Administración educativa:
  • Coidar a edición dos libros de texto para que se incluíse mulleres como suxeitos activos e axentes na historia, nas ciencias, nas matemáticas.
  • Evitar o uso dunha linguaxe discriminatoria cara ás mulleres e potenciar unha linguaxe non sexista tanto nos libros de texto coma nos documentos oficiais.
  • Incluír no currículo escolar aquelas materias que por ser propias de mulleres desapareceron (labores do fogar, cociña) e que servirán para que os rapaces adquiran habilidades do ámbito doméstico..

Outras pertencen aos retos que hai que enfrontar na formación do profesorado. Do mesmo xeito que o profesorado recibiu cursiños de lingua galega para poder impartir clases de sociais, naturais... en galego; ou que adquiriu coñecementos de informática para poder impartila nas aulas. Daquela xa é hora de que se poñan os medios para que ese profesorado que hoxe é transmisor de actitudes sexistas se transforme en axente de igualdade.

Felicia Estévez (Consello de redacción da revista de pensamento feminista Andaina)