SECRETARIA DA MULLER
ARTIGOS DE OPINIÓN

SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

25 de novembro: Día Internacional Contra a Violencia Cara ás Mulleres

O 25 de novembro foi declarado Día Internacional Contra aViolencia Cara ás Mulleres no primeiro encontro feminista de Latinoamérica, que se celebrou en Bogotá en xullo de 1981. Neste encontro as mulleres denunciaron a violencia de xénero en todos os ámbitos da sociedade, os malos tratos e os asasinatos no fogar, as violacións, o acoso sexual, e a violencia en xeral cara as mulleres, incluída a tortura e abusos sufridos por prisioneiras políticas. Escolleuse este día para non esquecer o asasinato das irmás Mirabal, tres activistas asasinadas en 1960 a mans da policía segreda do dictador Trujillo, na República Dominicana. O pasado ano a ONU deu carácter oficial a esta data.

As agresións e asasinatos de mulleres aparecen a diario nos nosos periódicos, son tan cotiás que comezan a asumirse como algo inevitábel. Pero non hai nada de inevitábel nin de fatal na violencia de xénero, e o certo é que non se está a facer todo o posíbel para combatela.

    En 1998 aprobouse o Plano de Actuación da Comisión Intersectorial da Muller do Parlamento, que inclúe numerosas medidas que non se están a pór en práctica na maioría dos casos.Estas medidas están repartidas en seis áreas de actuación:

v     MEDIDAS DE SENSIBILIZACIÓN E PREVENCIÓN, destinadas á concienciación da sociedade en xeral coa gravidade deste problema a través dos centros educativos, medios de comunicación, etc.

v     MEDIDAS DE EDUCACIÓN E FORMACIÓN, que inclúen actuacións para formar aos distintos grupos de profesionais implicados no tratamento e a prevención da problemática derivada da violencia de xénero.

v     MEDIDAS DIRIXIDAS Á CREACIÓN DUNHA INFRAESTRUCTURA SUFICIENTE para dar cobertura ás necesidades que aparecen cando se producen agresións: casas de acollida, pisos tuteladas, unidades específicas de atención en comisarias, políticas de discriminación positiva no acceso á vivenda,etc.

v     MEDIDAS DE ACTUACIÓN DIRIXIDAS AO ÁMBITO DOS SERVIZOS DE SAÚDE: protocolos sanitarios a seguir en caso de agresións, actuacións de prevención, etc.

v     MEDIDAS LEXISLATIVAS E XUDICIAIS como quendas específicas de avogadas de oficio, protocolo de coordinación con outros axentes implicados, impulsar a aplicación de medidas de alonxamento, etc.

v     MEDIDAS DESTINADAS Á ELABORACIÓN DE ESTUDIOS ESTATÍSTICOS E DE INVESTIGACIÓN sobre a incidencia, frecuencia, formas que adopta, e consecuencias que ten a violencia contra as mulleres.

A aplicación real destas medidas pode paliar situacións moi graves que se están a producir, axudando ademais a previr outras. Suporía tamén unha resposta ás demandas que se veñen facendo desde as organizacións feministas para solucionar este problema. Por todo isto debemos esixir a todos os gobernos, central, autonómicos e municipais que se tomen en serio este problema e implíquense para actuar de forma contundente para o previr e atallalo.

Pero debemos ter claro que a violencia de xénero non desaparecerá mentres non acabemos coa discriminación que as mulleres sufrimos nesta sociedade. A violencia de xénero existe porque existe unha relación desigual entre homes e mulleres. Ata que as mulleres non deixemos de ser cidadás de segunda clase non se acabará con este problema. Entrando no século XXI, as mulleres seguimos tristemente encabezando as porcentaxes de pobreza, menor salario, precariedade laboral e bolsas de paro. A nosa presencia e representación na vida pública, nos postos de responsabilidade, segue sendo minoritaria, mesmo nos sectores onde somos mulleres principalmente, as traballadoras. Mentres no ámbito privado, o traballo das mulleres no fogar segue a ser invisíbel, e infravalorado.

A violencia de xénero ten un obxectivo claro, o de inferiorizarnos e amedoñarnos para exercer sobre nós un controlo férreo que afirme o poder patriarcal. Consegue en moitos casos paralizarnos, destruír a nosa autoestima e a nosa capacidade de reacción. Debemos romper esta cadea que se nos impón, descubrir os mecanismos de opresión e acabar con eles. Debemos impulsar un debate social profundo para cuestionarnos todas as estructuras que reproducen e manteñen esta situación de discriminación das mulleres.É necesario que a coeducación sexa unha realidade en todos os tramos do ensino e da vida social en xeral, para facer desaparecer a discriminación e a exclusión que padecemos en moitos ámbitos, dando paso a unha igualdade real.

É, portando, un traballo de transformación social, intenso e cotiá, o que temos por diante, en todas e cada unha das esferas nas que nos movemos, para que o 25 de novembro deixe de ser unha data de necesaria reivindicación.

Imprimir este artigo 

Artigos de opinión Portada Secretaria da Muller Portada STEG