O GOBERNO RECTIFICA E OFRECE UNHA REGULACIÓN DO ABORTO NOVA
O goberno socialista, de forma inesperada, anunciou que teñen intención de promover unha nova lei que regule o aborto. Sen dúbida, é unha boa noticia, pero, tendo en conta que o PSOE incluía a ampliación do dereito ao aborto no seu programa de 2004 e que nas de 2008 excluírono, cando menos, fainos recibir a noticia con certo escepticismo.
Os acontecementos de finais de 2007, con profesionais sanitarios acusados, mulleres denunciadas, clínicas clausuradas, etc. evidenciaron que a lei en vigor fai augas e que provoca unha evidente inseguridade xurídica, circunstancia que nese momento foi utilizada por certos sectores ultraconservadores para emprender unha campaña de acoso e de criminalización das mulleres que exerceran o seu dereito a interromper o seu embarazo dentro dos supostos que contempla a lei vixente.
Desde entón, foron importantes os movementos de reacción de diferentes colectivos, organizacións e grupos de mulleres feministas. Xerouse un importante debate social que puxo en evidencia as carencias da lei actual e a necesidade de promover unha lei nova. Todos estes acontecementos levaron o malestar ás filas socialistas e, presumiblemente, empuxáronlles a rectificar, ou máis ben a anunciar unha posible reforma. Sen dúbida, recibimos a noticia con satisfacción, pero non sen temor e preocupación. Chama a atención que o goberno manifeste que todas as opinións serán escoitadas e buscarase o máximo consenso social, coma se non coñecesen sobradamente o que opinan uns e outras. É difícil imaxinar que artigos da nova Lei poden chegar a consensuar coas organizacións antiabortistas, o PP, a igrexa “entristecida” ou a xudicatura rancia. ¿Como van medir o nivel de consenso que lles leve a unha nova lei que inclúa "o máis avanzado do panorama internacional"?. Algo nos di que debemos estar en alerta, pois non sería estraño que se trate dunha declaración de intencións, un anuncio bluff que pretenda lavar a cara do partido socialista ante a esquerda e moitos colectivos e organizacións feministas frustrados e decepcionados pola covardía deste goberno e que, máis adiante, con toda a parafernalia que montarán a igrexa, o PP e os movementos antiaborto, recúen e nos quedemos como estamos. Poderán dicirnos que o intentaron e non lles deixaron.
Dada a importancia e transcendencia que tales reformas, desde a Asemblea de Mulleres do STEG, demandamos ao goberno e aos partidos políticos un compromiso claro e decidido para modificar a actual despenalización parcial do aborto, de modo que deixe de estar considerado como delito no código penal, acabando así coa inseguridade xurídica que a lei actual xerou; demandamos que se garanta e respecte o dereito das mulleres a interromper voluntariamente o seu embarazo, asegurando que estas interrupcións se realicen na rede sanitaria pública e de forma gratuíta; ademais, todo iso debe ir acompañado de medidas que garantan a educación sexual nos centros educativos e o acceso aos métodos anticonceptivos e á anticoncepción de urxencia a cargo da Seguridade Social.
ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG