|
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES
DO ENSINO DE GALICIA | ||
<< Portada STEG | << Portada Muller | |
MANIFESTO 8 DE MARZO 2008 Na actualidade, as mulleres somos conscientes dos problemas que nos encontramos, dos límites que se nos impoñen para avanzar, que veñen marcados principalmente polos roles e estereotipos existentes nas estruturas sociais e que inciden na nosa vida persoal e na nosa vida profesional. Sabemos que a situación laboral das mulleres está moi lonxe de alcanzar os niveis de igualdade que as leis nos recoñecen e a discriminación, tanto salarial como de promoción ou doutros tipos, está presente ao longo da vida laboral das mulleres. Por todo isto, neste momento do proceso de loita pola igualdade, os límites que nos impiden chegar á Igualdade real débennos levar, necesariamente, a reconquistar o vello lema: “a igualdade ante a lei non é igualdade ante a vida”. O logro da igualdade efectiva dos dereitos legais non abonda para cambiar os costumes e estruturas da desigualdade. Para que a igualdade efectiva se consolide, é necesario recoñecer, determinar e facer visíbeis os límites que nos encontramos e descubrir de onde proceden, é necesario romper o teito de cristal, invisíbel e indetectábel, que impide ás mulleres avanzar nas súas carreiras profesionais, é necesario potenciar cambios radicais que transformen esta sociedade. Para o lograr, É necesario eliminar os estereotipos sexistas de distribución das funcións sociais, as actividades formativas e profesionais, tanto desde a Escola como desde as familias. É necesario educar para que os homes teñan un papel responsábel e de reparto de responsabilidades no ámbito familiar. É necesario concienciar aos homes e ás propias mulleres da importancia da coeducación. É necesario emprender novas medidas no ámbito laboral, tanto na Administración Pública como no sector privado, obrigando a todas as empresas a impulsar medidas que favorezan a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego e aos postos de responsabilidade. É necesario buscar novas fórmulas na flexibilidade horaria que permitan conciliar a vida persoal, familiar e laboral, pois o fracaso das políticas actuais de conciliación son a principal causa da segregación laboral vertical que afecta ás mulleres e o principal problema para a incorporación das mulleres ao mundo laboral. É necesario rematar coa lacra da discriminación salarial que sofren as mulleres, que reciben, principalmente no sector privado, o 70% do salario dos homes por igual traballo. É necesario impulsar o “empoderamento” das mulleres, que potenciemos a autoestima, que nos creamos capaces de realizar calquera función e que esteamos na toma de decisións, tanto nas individuais como colectivas. É fundamental que o cambio xurda de nós mesmas, que nos vexamos capaces e lexitimadas para ocupar un espazo na toma de decisións. É necesario continuar avanzando na loita polos nosos dereitos, pola despenalización do aborto e por unha nova Lei que elimine a inseguridade xurídica que a lei actual xerou. Ademais, é preciso avanzar na educación sexual dos/as mozos, así como o acceso libre aos métodos anticonceptivos e á anticoncepción de emerxencia. É necesario abordar as causas profundas da desigualdade entre homes e mulleres e que dificultan o exercicio real da igualdade e a liberdade e, sen dúbida, remítennos ao papel das mulleres na familia, na parella, na maternidade, na atención ás persoas dependentes, etc. Desde a Asemblea de Mulleres do STEG pensamos que
os límites e obstáculos que impiden as relacións
igualitarias non se derivan unicamente do recoñecemento legal
de dereitos, implican un cambio máis profundo nas relacións
entre homes e mulleres e un cambio profundo do papel das mulleres
na nosa sociedade. Nese labor estamos e nesa dirección pulamos,
na medida das nosas capacidades, desde todos as ámbitos aos
que temos acceso. |
|