Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA

  << Portada STEG

<< Portada Muller

8 marzo 2007
Compartindo coidados e afectos compartimaos a vida

Este ano no que se aprobou a Lei de autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e no que o debate sobre os coidados se formulou como un debate económico de primeira orde, A Asemblea de Mulleres do STEG quere dedicar o 8 de marzo a reivindicar a importancia social dos coidados. Se se pretende que esta lei constitúa o cuarto alilerce do estado do Benestar (xunto con educación, sanidade e pensións), inicia o seu camiño xa eivada, porque carece do carácter universal e gratuíto que teñen as anteriores, xa que só chegará nos próximos anos (ata o 2015) e no mellor dos casos, a un 40% da poboación dependente,con dependencias moi severas. A forma de financiamento é a través do co-pago, utilizando o criterio de renda e patrimonio, e engádese un "salario" aproximado de 400€ ás coidadoras que non realicen ningún coidado remunerado, aínda que deberán cotizar por iso á seguridade social.


Creemos que este tipo de medidas provocará que sigan recaendo sobre as mulleres os traballos de coidados e xa que logo, crenado nas coidadoras problemas de saúde, emprego, pouco tempo de descanso, de lecer e de vida persoal así como fortes sentimentos de culpabilidadecando nos vemos na imposibilidade de chegar con suficiencia a todo o que se nos esixe. Ademais a lei declara que a administración vai facilitar a participación da iniciativa privada en servizos e prestacións e moito tememos que isto signifique que os coidados acaben finalmente realizados por mulleres subcontratadas de empresas privadas con discutíbeis dereitos laborais e salariais.

Mentres, os homes inhíbense destas actividades e o mercado de traballo segue sen se restruturar para se adaptar a esta realidade. O debate desta lei puxo de manifesto que existe un baleiro na forma de cubrir as necesidades de coidado da poboación que o sistema xa non pode nin ocultar nin invisibilizar como fixo ata agora. Á falta de corresponsabilidades dos homes nas actividades de coidados úneseunha importante carencia de servizos públicos neste terreo, que pensamos que a lei non vai paliar. Polo dito anteriormente consideramos necesario

- un cambio de mentalidade e actitude nos homes.

- unha adaptación do tempo de traballo remunerado para que permita a conciliación e dedicación a outras actividades persoais, familiares e sociais.

- unha maior inversión pública e dinamización dos servizos sociais.

- un cambio dos modelos existentes e a introdución de modelos alternativos que permitan liberar ás familias o coidado de persoas dependentes se iso é demandado.

O coidado de persoas dependentes ten, xa que logo, que ser unha responsabilidade social prioritaria asumida por homes e mulleres e polo Estado. Por unha parte queremos facer unha chamada de atención crítica aos deseños e efectos das políticas actuaisen materia de xénero, laboral e estranxeiría, por citar algunhas, que perseguen redistribuír e transferir a carga social a empresas privadas nun contexto de diminución dos servizos públicos.

Desde a Asemblea de Mulleres de STEG queremos cuestionar a perversidade dun sistema económico que nega a súa responsabilidade social na sostibilidade da vida excluíndo e ocultando a múltiples colectivos sociais. Por iso o STEG reivindica que a titularidade dos dereitosnon sexa unha previa contribución social, senón a condición mesma de cidadanía.

Reivindicamos un sistema económico no que se parta do recoñecemento da interdependencia entre as persoas e no que os suxeitos sexan axentes activos para se inserir nas redes de coidados e de sostibilidade da vida que libremente escollan. Só así será posíbel a igualdade real e a xustiza

 
2006
Nunca máis vida por petroleo