8
marzo 2006
Igualdade: máis feitos e menos
palabras
Un ano máis celebramos o DÍA INTERNACIONAL
DAS MULLERES, e un ano máis vémonos obrigadas a denunciar
a situación internacional violenta que estamos a vivir, unha
situación na que os dereitos humanos e en especial os dereitos
das mulleres son sistematicamente vulnerados.
As agresións bélicas, as torturas, as lapidacións,
as violacións, o tráfico e o asasinato de mulleres,
e outras moitas vulneracións dos nosos dereitos son proba evidente
da magnitude da inxustiza social e das perversas desigualdades dun
mundo globalizado. Non é de estrañar que as mulleres
sexamos as primeiras en loitar pola paz e a xustiza en todos os recunchos
do mundo. Pola nosa forma de nos organizar en redes de solidariedade,
horizontais e participativas, servimos de precedente e de base ao
chamado movemento antiglobalización.
Á violencia física súmase a explotación
económica. A pobreza continúa tendo rostro de muller:
a pesar de que carrexamos coa maior parte do traballo, as mulleres
só posuímos o 1% da riqueza mundial. Aquí, o
inimigo é igualmente poderoso, porque a súa única
lóxica é a do beneficio. A miúdo, os intereses
das empresas están por encima dos Estados, do respecto ao medio
ambiente e dos dereitos de traballadoras e traballadores. Por iso
esiximos a todos os gobernos un compromiso firme co obxectivo de erradicar
a indixencia na que viven dous terzos dos habitantes do planeta. A
globalización neoliberal que estamos padecendo non fai senón
afondar as desigualdades económicas, sociais e sexuais. Como
recoñecen todos os organismos internacionais de axuda ao desenvolvemento,
o máis eficaz é dar educación e posibilidades
de elección ás mulleres. Non debemos esquecer que son
elas as que padecen o analfabetismo en maior grao e sen embargo soportan
as maiores cargas na sustentabilidade das familias.
Manifestamos o noso recoñecemento e solidariedade con todas
as persoas que se mobilizan -ás veces en condicións
de máxima adversidade- pola paz, a democracia e o respecto
aos dereitos humanos. Pero habemos de seguir denunciando que as mulleres
seguimos sufrindo violencia e discriminación na maior parte
do mundo, tanto nos ámbitos da saúde, a reprodución
e a educación, como nos ámbitos da promoción
profesional, intelectual e política. Mesmo nos países
desenvolvidos como o noso, as mulleres atopámonos con un teito
de cristal que limita a nosa equiparación cos homes, sobre
todo cando queremos acceder a postos de liderato político,
económico, social e intelectual.
A liberación das mulleres segue sen se producir, a pesar de
que levamos séculos de loita ás nosas costas. A igualdade
pode quedarse nun termo baleiro de contido se non se reflicte tanto
nos dereitos como nos feitos. Non queremos promesas de discriminación
positiva e de inclusión de perspectiva de xénero nas
políticas públicas se non se van cumprir, e para iso
fai falta que vaian acompañadas de orzamentos suficientes.
Conciliar a vida familiar e laboral non significa só que nos
reduzan a xornada laboral para poder compaxinala co traballo doméstico,
é necesario que os homes se corresponsabilicen dos coidados
familiares para que non sexamos nós as que sigamos cargando
con todo o peso do fogar. Para iso, necesitamos educar en igualdade,
solidariedade, xustiza e feminismo en todos os niveis educativos e
na sociedade no seu conxunto. Necesitamos erradicar o machismo e pensamos
que a visibilidade pública das mulleres, o seu acceso a postos
de poder e responsabilidade é unha esixencia imprescindíbel
para avanzar cara unha sociedade máis igualitaria e máis
libre.