Imos
a medias.
A corresponsabilidade, clave da igualdade.
A incorporación das mulleres á vida
pública avanzou notablemente nas últimas décadas,
froito da loita que moitas mulleres mantiveron e manteñen por
acabar coa exclusión á que as foi sometendo o réxime
patriarcal. Este avance, tan xusto para nós e tan saudable
para o conxunto da sociedade, estase a producir, aínda, de
xeito deficitario e desigual e, sobre todo, a costa do desgaste que
supón superar as trabas estructurais e a marxinación
simbólica que a sociedade tenta impoñernos.
Desde as institucións, desenvolvéronse catro Plans de
Igualdade (en 1988 se iniciouse o 1º, e en 2006 finaliza o 4º)
que tiveron como obxectivos fundamentais eliminar as disposicións
legais discriminatorias, fomentar o reparto equilibrado de responsabilidades,
tanto públicas como domésticas, e impulsar cambios normativos
e medidas laborais e asistenciais que facilitasen a compatibilidade
da vida laboral e familiar. Na mesma liña, aprobouse a Lei
de Conciliación da vida Laboral e Familiar que nos próximos
meses se vai modificar no Parlamento.
E nós, conciliar..., conciliamos. Ese é o problema.
Quen concilia maioritaria e abrumadoramente, somos nós. É
máis, conciliamos todas as cargas domésticas (tarefas,
responsabilidades e coidados) co noso traballo, o noso compromiso
socio-político,... Conciliamos tanto, e o tema é tan
vello, obsoleto e penoso, que sona como se se tratase de outro concilio.
Pero o que queremos é conciliar menos e vivir máis.
É dicir, queremos conciliar a nosa vida social, profesional,
sindical e familiar coa nosa vida persoal.
Pero, para iso, cómpre que en todos os ámbitos VAIAMOS
A MEDIAS. Para iso, precísase que os gobernos se comprometan
na nova Lei con verdadeiros avances, distinguindo claramente o que
son políticas da familia e políticas das mulleres. Para
iso, é imprescindible a corresponsabilidade dos homes no ámbito
doméstico, porque se non imos a medias, quizás outro
mundo sexa posible fóra, de cara á galería, pero
no mundo real, o noso mundo diario e cotiá, seguirá
sendo un ámbito de explotación, apropiación e
inxustiza.