Goza
das diferenzas. A discriminación mata. A
natureza crea diferenzas, a biodiversidade e imprescindible para impulsar e recrear
a vida sobre o planeta. A nosa cultura forza a cada ser humano, que en si mesmo
é distinto único e distinto a todos os demais, a reducir esa diversidade,
a dous xéneros estereotipados: masculino ou feminino. Creamos a diferenza
xenérica empobrecéndonos como persoas, limitándonos, e converténdonos
en seres dependentes e deficitarios. Esa diferenza creada artificialmente entre
o masculino e o feminino, establécese ademais de forma xerárquica
sobre valores de superioridade e inferioridade que xustifican o sistema de dominio-submisión. A
diferenza sexual é a primeira que aprendemos, e sobre ela, coas mesmas
connotacións de poder-submisión, valorazón-devaluación,
imos asentando o resto de diferenzas. Moitos rapaces xustifican os seus comportamentos
violentos ante a "provocación" que representa para eles que as
rapazas non respondan ao rol asignado. A fráxil e forzada heterosexualidade
reséntese ante a existencia de rapaces e rapazas diferentes. Ao magrebí
colocámolo no "seu sitio" chamandolle "mouro". Aos
xitanos deixámoslles claro "o que son" cando a un neno suxo lle
chamamos así. O conflicto provocado polas diferenzas convértese
en violencia cando se interpretan non como unha riqueza, se non como unha expresión
de inferioridade do "outro". A orixe da violencia é pois, a incapacidade
de recoñecer ao outro diferente como a un igual. Este sentimento leva a
vivir as diferenzas como unha ameaza, un estorbo ou un motivo de inquedanza, e
as súas consecuencias van desde a ignorancia ou negación das outras
persoas, ata a infravaloración ou a exclusión mediante diversas
formas, entre as cales, a agresión física é a máis
extrema. A discriminación mata, por pequena que sexa, porque en si mesma
xa é a negación do outro. Con este lema queremos denunciar a
violencia que xera calquera tipo de discriminación. É un camiño
colectivo e tamén individual. Por iso parécenos imprescindíbel
que todas as persoas, e máis as que nos adicamos á educación
nos pregúntemos, desde a honestidade do profundo do noso ser, que é
o que se move no noso interior para que as diferenzas, case calquera diferenza,
nos provoquen conflicto. Por todo isto, cremos que a alternativa de educar
para nos desenvolver como seres únicos, distintos e diversos, aprender
a respectar as diferenzas, e máis aínda, a valoralas e gozalas,
non é só o verdadeiro sentido da educación, se non o mellor
medio para lograr unha cultura da paz e de respecto entre os seres humanos.
|