MANIFESTO STEG
25 DE NOVEMBRO 2009
DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES.
MACHISMO? NON, GRAZAS: MATA.
Por unha sociedade igualitaria: tod@s contra a violencia machista.
Un ano máis chega o 25 de novembro e, como
cada ano, chega o día de reconto de vítimas da violencia
machista; é o momento de lembrar a cada unha delas, o momento
de indignarse por esta lacra social que parece non ter fin. Un 25
de novembro máis in memoriam das últimas 47 vítimas
asasinadas a mans das súas parellas no que levamos de 2009
e de todas as que caeron anteriormente. Un 25 de novembro máis
que servirá para que os medios de comunicación dediquen
a estas mulleres asasinadas uns minutos para informar do reconto
do ano en curso, cal se se tratase do número de vítimas
en accidentes de tráfico, para informar de como se poñen
en marcha as ordes de afastamento e de como logran burlalas os seus
asasinos. Por desgraza, todas elas serán mulleres con nome
que integran a lista do 25 de novembro de 2009. Os anos próximos
haberá outras, outros nomes que permitirán novos recontos.
Pero, tras os datos terríbeis e incesantes que nos estremecen
de continuo e cada 25 de novembro, bótanse en falta reflexións
e apenas se fala de por que sucede isto, de por que non logramos
erradicar esa lacra asasina, de cal e onde reside o problema de
fondo que fai que se prolongue e perviva unha enfermidade de séculos
nunha sociedade moderna como a que vivimos. Non se fala de que facer
e como actuar para atallar o problema desde o fondo e desde a súa
orixe.
A violencia contra as mulleres foi unha constante ao longo da historia
e, sen dúbida, é unha manifestación de algo
máis profundo e oculto dentro das entrañas da convivencia
e da realidade social. A violencia machista foi e é unha
das súas manifestacións dos valores culturais e estereotipos
sobre os que se construíron os elementos de desigualdade
que marcaron a posición de poder dos homes e o predominio
da cultura androcéntrica, que lexitimaron historicamente
o poder dos homes e a súa dominación sobre a muller,
promovendo desta maneira a independencia deles e garantindo o sometemento
dela, incluindo o uso da violencia se é necesario. Sen dúbida,
esta desigualdade cultural e social foi creada por e para beneficio
dos homes e para que prevaleza a súa posición de dominio
respecto ás mulleres, e a violencia de xénero nace
de aí, nace da necesidade deles de se impor e de endereitar
aquilo que consideran equivocado, inapropiado ou, simplemente, inoportuno
e nefasto para a prevalencia da súa posición de poder.
Na sociedade que vivimos na actualidade, a relación entre
violencia e desigualdade é recíproca e unha non existiría
sen a outra: a desigualdade refórzase e mantense tamén
coa violencia, pois, sen o uso da violencia, non se podería
manter algo tan inxusto como a desigualdade, e o patriarcado non
tería outro remedio que ceder ante o progreso e a evolución
das sociedades democráticas e cada vez máis cambiantes.
Pero non foi así porque nas sociedades occidentais actuais
priman e se reforzan estes valores de desigualdade e o patriarcado
impón unhas estruturas socio-económicas, culturais,
relixiosas, xerárquicas que aínda hoxe se reflicten
na sociedade e en todas as institucións. A violencia cultívase
xa desde os primeiros anos da nosa vida e se desenvolve e se impón
durante a infancia e a adolescencia, estimulada case sempre polas
condicións familiares, sociais e culturais:
Entre os factores culturais, está a relixión, pois
non en van a Igrexa estivo condicionada por unha profunda misoxinia
histórica: as mulleres foron as responsábeis do mal
e polo tanto son merecedoras de sufrir a expiación para sempre.
Ademais, a Igrexa alentou e orientou ás familias cara unha
moral de carácter patriarcal na que o home é o cabeza
de familia ao que toda a familia debe respecto. E non podemos esquecer
que a nosa cultura se nutre desta moral xudeu-cristiá, conforma
os diferentes saberes e impregna todo o tecido social.
Por outra parte, ten un papel importante a Escola,
que nalgúns casos está liderada pola Igrexa e, xa
que logo, transmite e impón os seus valores. Ademais, na
Escola, os coñecementos que se imparten son principalmente
androcéntricos: a maioría dos grandes nomes que se
estudan nas diferentes materias (literatura, arte, ciencias, etc.)
son homes; a historia impártese desde o punto de vista dos
homes, desde as guerras que eles xeraron e o exercicio de poder,
quedando relegadas ao esquecemento todas as experiencias humanas
nas que participaron o resto da poboación. Mesmo se obvian
e eluden as achegas das mulleres en momentos que foron fundamentais
para entender os cambios sociais dos últimos séculos,
como os movementos feministas dos séculos XIX e XX, que apenas
teñen un oco nos libros de texto:as mulleres foron condenadas
ao silencio nos materiais curriculares.
No mesmo sentido, están os medios de comunicación,
que perpetúan os estereotipos de xénero a través
dos contidos e da publicidade. É necesario facer unha revisión
profunda dos contidos de programas, especialmente os dirixidos á
infancia e á adolescencia.
Ademais, no ámbito laboral non se logra que as mulleres consigan
un nivel óptimo de autonomía e independencia: os salarios
das mulleres son significativamente máis baixos, dun 20 a
un 40% menos respecto aos homes. Nós somos as que sufrimos
maior precariedade laboral respecto aos homes (discriminación
salarial, temporalidade, empregos parciais, etc.). O “teito de cristal”
segue sendo unha traba para as mulleres en todos os ámbitos.
En suma, o Estado, a política, a igrexa e a relixión,
a familia, a sociedade, a cultura, a escola, os medios de comunicación
e a publicidade, todos eles forman unha trama onde se retroalimenta
o poder patriarcal e se reproducen as sociedades androcéntricas,
impregnando todos os nosos ámbitos de socialización.
Aprendemos a convivir nas relacións familiares, sociais,
políticas, sexuais, na educación que recibimos na
escola, na linguaxe, nos libros, nos contos, as bandas deseñadas,
a televisión, a publicidade, as crenzas relixiosas, é
dicir, en todos os ámbitos da nosa cultura e da nosa vida.
Por todo iso, desde a Asemblea de Mulleres do STEG, demandamos que
o Estado vele por asegurar a igualdade de dereitos, a igualdade
de trato e de oportunidades desde as leis. O Estado ten a responsabilidade
de asegurar que estas leis se cumpran e que dean solucións
aos problemas de cada unha das vítimas da violencia machista,
pero, ademais, o Estado e as institucións deben facer un
diagnóstico rigoroso de que e por que prevalece esta violencia
machista e buscar a forma de se enfrontar ao problema desde a raíz,
desde o máis fondo, buscando e afondando nas causas que xeran
esta violencia, pois só e unicamente destexeito se logrará
acabar coa desigualdade que sofren as mulleres e, por ende, erradicar
a violencia que provoca, xera e alimenta esa desigualdade.
Manifesto
2009 en pdf para imprimir
ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG |