|
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES
DO ENSINO DE GALICIA | ||
<< Portada STEG | << Portada Muller | |
24 DE MAIO O Dia Internacional das mulleres pola paz e o desarme celébrase o día 24 de Maio desde o ano 1982, conmemorando a loita das mulleres británicas contra todo o que representaba a OTAN, contra a instalación de bases militares, e polo fin das guerras e a carreira armamentística. Os actuais escenarios bélicos mundiais, Afganistán, Iraq, Palestina, Colombia, Sudán, Arxelia, etc., significan un grande reto para toda a poboación, e moi especialmente para as mulleres. No Afganistán fomos as primeiras en dar a voz de alarma sobre as condicións de vida das mulleres afganas, moito antes de que se iniciara o conflito, e aínda seguimos a facelo. No Iraq unha caravana de mulleres norteamericanas expresaron a súa solidariedade coas mulleres iraquís, vítimas desta guerra, unímonos á protesta mulleres de todo o mundo. A denuncia dos conflitos bélicos é unha constante no movemento feminista, visibilizando o que supoñen para a vida de milleiros de persoas, donde unha vez mais, as mulleres somos as mais perxudicadas, e sinalando os verdadeiros motivos das guerras, que foron e seguen a ser fundamentalmente económicos, e polos que se fan desaparecer pobos, se ocupan territorios ou se esquilman os seus recursos. Desde a Marcha Mundial das Mulleres da Galiza queremos destacar a importancia desta data para continuar traballando por unha sociedade antimilitarista, pois pensamos que o militarismo vai mais aló dos exércitos e as guerras, aínda que estas sexan a súa máxima expresión. Nós berramos un ano máis ¡Non ás guerras!, coa forza de quen pode parar un exército, e aínda conscientes de que non é tan sinxelo non por iso deixaremos de camiñar xuntas na procura dun mundo onde guerras e exércitos non teñan sitio. |