Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio

O STEG REXEITA A CIRCULAR 8/2009 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regulan algunhas medidas de atención á diversidade para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.

Curso tras curso seguimos no mesmo punto: non revisamos de maneira seria o modelo de orientación no marco da LOE. Regulamos a atención á diversidade con circulares, que non son mais que parches, sen abordar o tema no seu conxunto. Desde hai tempo vimos insistindo na necesidade de repensar o modelo de orientación e de atención á diversidade para poder traballar efectivamente desde a escola inclusiva.


Con circulares como esta o que conseguimos é crear confusión, pola imprecisión sobre a aplicación dos programas propostos, e desvirtuar por completo o termo de “atención á diversidade”, releamos os parágrafos adicados á aula de atención educativa, que lonxe de parecerse a iniciativas, xa existentes nos nosos centros, dentro dos plans de convivencia, abren a porta á exclusión do alumnado. Unha exclusión ademais amparada e lexitimada e para a que se reserva esa aula.


Algunhas das precisións que se fan neste texto poden ser acertadas, necesarias e facilitadoras á hora de aplicar á normativa vixente ate o momento pero, ao mesmo tempo, consideramos que hai un problema de fondo que condiciona toda a posta en marcha destas medidas e do que se derivan graves consecuencias para acadar un verdadeiro ensino inclusivo de calidade, isto é: nunha circular sobre atención á diversidade non se nomean os principios básicos de INCLUSIÓN E NORMALIZACIÓN que recolle a nosa actual Lei marco , a LOE. De aí que o que se recollan sexan medidas segregadoras para o alumnado e funcións para os xefes de departamento de orientación que os afastan irremediablemente dun modelo psicopedagóxico e sistémico (a educación compartida pola comunidade educativa e o entorno) e o converten nun modelo clínico e terapéutico que supoñiamos superado dende hai mais de dúas décadas.

ALEGACIÓNS CONCRETAS
1-No terceiro parágrafo da introdución onde di “intervención directa dos orientadores e orientadoras” debe dicir: colaboración do Departamento de Orientación.
2- Na Primeira instrución SUPRIMIR: “á dispoñibilidade horaria do seu profesorado”
3- Segunda Instrución: Revisar a redacción. Non todas as medidas que se relacionan no anexo teñen carácter flexible como se afirma neste parágrafo.
4- Cuarta Instrución: Que significa que a atención á diversidade será actividade prioritaria sobre calquera outra para a percepción do complemento específico por función titorial? Non é a titoría unha das principais actividades de atención á diversidade?
5- Quinta Instrución:
             a) Cando se fala de exención da Lingua Estranxeira, refírense á segunda?
b)No caso de referirse á segunda, esta circular excédese na interpretación da Orde do 6 de setembro de 2007 pola que se desenvolve a implantación da educación secundaria obrigatoria no referente ás condicións para a exención da segunda Lingua Estranxeira. De referirse á primeira pensamos que contradí incluso a LOE.
c) Programas de recuperación: Se non estudo as Ciencias Naturais, xa non podo aprender Francés?
d) Programas específicos personalizados. En que momento se realiza este programa específico cando non se está a cursar materias co mesmo nome no curso actual. P.ex. Alumnado de 4º con Física e Química pendente de 3º. Como computa este traballo no horario do profesorado?
e) Aulas de atención educativa: Suprimir todo.

 

setembro de 2009

Documento para imprimir (pdf)